Concentración para esixir a readmisión da traballadora de Sar Quavitae despedida tras ir na candidatura da CIG

A empresa xestiona a residencia Concepción Arenal da Coruña
A Coruña - 25 Xan 2018

Baixo a consigna "despedida readmisión", a CIG realizou unha concentración este xoves diante da residencia de maiores Concepción Arenal, de titularidade pública pero xestionada por Sar Quavitae, para esixir a readmisión dunha traballadora á que a empresa botou á rúa logo de encabezar unha das candidaturas da CIG. Coa protesta tamén se queren rexeitar as manobras da empresa para impedir que a central sindical obtivera representación neste centro de traballo e esixir o cese inmediato da política de acoso laboral e sindical practicada pola dirección.

"Neste empresa, o feito de encabezar unha candidatura da CIG supón que poidas ser castigada e despedida por non obedecer os ditados da dirección", denunciaba Laura Rodríguez, traballadora da residencia e ex delegada da central sindical. Para a CIG, este despedimento supón unha clara represalia da empresa que busca amedrentar "a quen pretenda pelexar polos nosos dereitos". Por iso, dende a central reclámase a nulidade do mesmo e que se readmita de xeito inmediato á traballadora.

Na concentración, Rodríguez lembrou que o despedimento desta compañeira se produciu menos dun mes despois de celebradas as eleccións sindicais na residencia de Matogrande. Unhas eleccións nas que Sar Quavitae manobrou de todos os xeitos posíbeis para evitar que a CIG puidera ter representación, nun proceso que se pode cualificar como un "pucheirazo" entre a dirección da empresa e as centrais sindicais españolas.  "Con esta actuación lograron eliminar dun plumazo a representación da CIG no comité", censurou.

Que o proceder da empresa é amplamente rexeitada polo persoal demóstrao o feito de que só acudiran a votar 27 persoas, das 129 traballadoras e traballadores que podían participar nas eleccións. Desta maneira, con 23 votos,  CCOO logrou 7 delegadas/os, mentres que UGT obtivo 2 membros no comité soamente con 4 votos.

Unha representación "molesta" para a empresa

Cómpre subliñar que nas anteriores eleccións (presentando candidatura nun único colexio), a CIG obtivera dúas delegadas de persoal. Estas dúas delegadas desenvolveron un labor activo, constante e reivindicativo, formulando de seguido queixas e denuncias sobre os incumprimentos da empresa: falta de persoal, cuadrantes,  exceso de xornada,  falta de compensación de  festivos traballados, etc. E mesmo chegaron a reunirse coa Consellaría de Política Social para abordar o incumprimento das ratios, xa que nesta residencia hai unha sobrecarga brutal de traballo e o cadro de persoal non está suficientemente dimensionado para atender o número de usuarias/os.

A todas luces, para Sar Quavitae (propiedade do grupo Geriatros), a representación da CIG resultaba molesta e por iso fixo todo o posíbel para evitar que puidera sequera presentar candidatura. A CIG, que ten impugnado todo o proceso pola vía xudicial, continuará adiante coas mobilizacións para esixir a reincorporación da traballadora despedida e o cese do acoso laboral e sindical.