Concentración pola readmisión dun traballador que REFESA despediu logo de se presentar na candidatura da CIG

A protesta realizouse coincidindo co acto de conciliación no SMAC de Ferrol
A Coruña - 16 Mar 2016
A CIG realizou este mércores unha concentración diante do SMAC de Ferrol en solidariedade co traballador despedido por REFESA (Remolcadores Ferrolanos, SA) poucos días despois de presentarse candidato nas listas da CIG ás eleccións sindicais. A protesta convocouse coincidindo co acto de conciliación, no que se solicitou a readmisión do compañeiro.

Porén, explica Xesús Anxo López Pintos, a conciliación rematou sen avinza xa que a empresa se nega a reincorporar o traballador, polo que agora se presentará demanda no xulgado solicitando a nulidade do despedimento.

Neste senso, Pintos sinalaba que o traballador recibiu a carta de despedimento só tres días despois de que a CIG preavisara a convocatoria de eleccións sindicais na empresa, ás que o compañeiro se presentaba encabezando a candidatura da central nacionalista.

Para xustificar a medida, REFESA aplicou un despedimento disciplinario “alegando motivos absolutamente inconsistentes e mesmo referíndose a situacións que ocorreran hai un ano”, sinala. Para o voceiro da CIG de Ferrol fica claro que a actuación da empresa é unha represalia contra o traballador por ir na lista da CIG.

Así as cousas, o pasado día 7 constituíuse a mesa para as eleccións sindicais, mais o censo foi impugnado porque no mesmo non aparece o traballador. A CIG entende que este compañeiro non só ten que figurar nos censos senón que tamén se pode presentar as eleccións en tanto o seu despedimento non é definitivo. Por esta razón, ao remate do acto no SMAC houbo laudo arbitral, do que se está a espera da resolución.