Concentracións nas oficinas de Clece en Ferrol e no Concello de Lugo por unhas condicións dignas no SAF

CIG-Servizos denuncia que a maioría das empresas non aplicaron a suba do IPC de 2021
Ferrol/Lugo - 05 Mai 2022

As oficinas de Clece en Ferrol e a Casa do Concello de Lugo foron os lugares nos que este xoves a CIG-Servizos deu continuidade á campaña de mobilizacións para esixir das empresas que prestan os servizos de axuda a domicilio cumpran co establecido no convenio e actualicen os salarios o 6,5% corresponde co IPC de 2021. Con estas protestas tamén quere demandar un convenio colectivo que permita dignificar as condicións laborais dun sector altamente feminizado e precarizado.

As protestas que se están a desenvolver ao longo desta semana nas distintas cidades, preceden á manifestación que a CIG ten convocada para o vindeiro domingo, 8 de maio, en Compostela e que sairá ás 11:30 horas da Alameda para rematar na Praza de Praterías.

A CIG-Servizos xa comunicou á patronal que non vai sentar negociar o convenio mentres as empresas non abonen o 6,5% de incremento. Pois aínda que en Galiza hai 250 empresas rexistradas de Servizo de Axuda no Fogar para as que traballan unhas 8.000 persoas (o 95% mulleres) só 4 actualizaron os salarios ao IPC real. O resto aplicaron un incremento da metade, é dicir do 3,1% ou do 3,2%, absolutamente insuficiente.

O convenio de SAF leva sen negociarse desde 2011, pois a patronal galega disolveuse no ano 2012, co obxectivo de facer decaer o convenio galego e pasar ao estatal, que daquela tiña peores condicións. Aínda que a estratexia saíulles mal e o convenio seguiu existindo, pero sen asociación empresarial coa que poder negociar un novo. Porén, esta patronal galega volveuse asociar no último mes, “non porque tiveran ganas de negociar o convenio, senón porque tiñan que pagar ese 6,5% de incremento salarial en 2022 pola suba do IPC real do ano pasado”.

Ademais preténdese con estas mobilizacións denunciar a precariedade laboral que sofren as traballadoras de SAF, con contratos a tempo parcial e, dependendo de cada concello, cuns ou outros prezos das concesións. Neste sentido, a CIG-Servizos considera fundamental que no convenio colectivo se garanta que todas as empresas estean reguladas polos mesmos prezos, para evitar que as empresas continúen concursando á baixa e rematen pagando as consecuencias as traballadoras do sector.

Xunto a isto, a CIG defende tamén unha redución de xornada semanal a 35 horas porque favorecería que estas compañeiras puideran ter unha xubilación digna e unhas condicións salariais moitísimo mellores que as que teñen agora. E reclama que se regule todo o que ten a ver coa contratación e que se computen como tempo traballado os quilómetros que fan as traballadoras para ir aos domicilio. A CIG-Servizos demanda ademais melloras sociais, das que carecen no convenio colectivo, sobre todo en cuestión de licencias e de melloras sociais.