Concentracións nos centros de saúde para esixir condicións dignas para o persoal de atención primaria

Dende a CIG-Saúde demandan a convocatoria urxente da Mesa Sectorial
Nacional - 09 Dec 2021

A CIG-Saúde desenvolveu este xoves unha xornada de mobilizacións en diversos centros de saúde do país en rexeitamento ás pretensións da Consellaría de que o persoal traballe "a custe cero". Denuncian que a Administración está obrigando as e os profesionais a que incrementen a súa xornada para facer fronte á sobrecarga de traballo que hai na atención primaria e para poder dar cobertura ás prazas vacantes que o Sergas non dá cuberto.

A CIG-Saúde advirte que a situación na atención primaria neste momento "é insostible" pola falta de traballadores e traballadoras, nomeadamente de persoal médico e de enfermería, froito das políticas de persoal que aniquilaron estes postos de traballo. A isto súmase que hai outras categorías nas que existindo suficientes profesionais nas listas de contratacións, "o SERGAS négase a contratalas, como no caso de PSX, Traballadores/as Sociais, Odontólogos/as, Fisioterapeutas, Matronas, TCAEs, Farmacéuticos/as, entre outras".

Neste contexto, Consellería de Sanidade obriga forzosamente as/os profesionais a que incrementen a súa xornada para facer fronte así á sobrecarga de traballo e garantir a atención sanitaria. Pero un incremento de xornada, subliña a CIG-Saúde, "ten que estar organizado e cunha planificación porque o persoal non pode estar á disposición permanente do SERGAS".

A prolongación da xornada ten que ter a súa correspondente retribución, "xa que o SERGAS non pode pretender que o persoal traballe gratis. E ten que recoñecerse a penosidade, para todas/os as/os profesionais, na prestación de traballo en quendas de noite ou en domingos e festivos; que tamén ten que ser retribuída".

Ademais, este incremento da xornada ten que estar dirixida a eliminar as listas de agarda, e a normalizar as axendas, porque non pode haber axendas con 80 citas diarias.

A CIG-Saúde considera "impresentábel que unha administración que ten a responsabilidade de garantir o dereito a que a poboación reciba unha prestación sanitaria de calidade, maltrate as/os profesionais que seguen a traballar día a día para minimizar os efectos dos recortes en sanidade". E neste senso, pregúntanse "en que gasta a Xunta de Galiza o diñeiro público e os fondos Covid".

Por todo isto, CIG-Saúde reclama ao SERGAS convoque de inmediato unha reunión da Mesa Sectorial para abordar as condicións laborais e retributivas de todo o persoal que incremente a súa xornada e as condicións do persoal médico, de maneira que se facilite "que fique a traballar na atención primaria en vez de acceder a outros postos de traballo". "Non hai que crear máis categorías profesionais", aseveran. "Só hai que dignificar as existentes e pór en valor o traballo da atención primaria".

A este respecto, critican que a Consellaría se escuse  en que hai uns acordos retributivos do ano 2008, cando daquela non había o déficit de profesionais que hai hoxe, "e sobre todo, porque a situación actual non é a mesma que fai 13 anos. Tampouco serve de escusa para a administración dicir que xa accedeu a negociar o Plan de Ordenación de Recursos Humanos para a atención primaria, pois as dúas negociacións poden transcorrer en paralelo".

Táboa reivindicativa da CIG-Saúde

1.- Recoñecemento por parte do SERGAS de que toda a xornada realizada en PAC é xornada ordinaria, e polo tanto hai que aplicar as correspondentes retribucións deste posto (valor hora, nocturnidade e festividade) a todo o persoal, con independencia de quen realice a xornada complementaria; persoal de ordinaria ou persoal de PAC.

2.- Establecer un número máximo de 1.300 TIS/profesional en adultos. E un máximo de 30 persoas por axenda; isto si sería unha axenda de calidade.

3.- Establecer unha xornada complementaria (voluntaria) para médicos/as de primaria, que permita facer unha prolongación da xornada para atender a súa sobredemanda. Negociar as retribucións desta xornada. Un sistema parecido ao módulo de xornada que realiza o persoal de hospital, maiores de 55 anos que deixan de facer gardas.

4.- Establecer un sistema de gardas localizadas para cubrir as incidencias non previstas.

5.- Unha vez publicadas as novas condicións laborais, o SERGAS procedería a realizar unha nova oferta de voluntariedade.

6.- Incorporar persoal de Enfermería nos centros de saúde para acadar o mesmo ratio de enfermeira/o que de médica/o. No caso da enfermeira/o habería que considerar, a maiores, o incremento da cronicidade e a atención domiciliaria, entre outros.

7- Incorporar Matronas, Fisioterapeutas, Psicólogos/as Clínicos/as, Odontólogas/os, PSX, TCAE e Farmacéuticas/os de Primaria, un cadro de persoal dimensionado en función das cargas de traballo e das carteiras de servizos.

No referente ao persoal de fisioterapia, o seu cadro de persoal debería estar dimensionado para atender as necesidades da atención primaria, xa que na actualidade atenden a demanda derivada de hospital, sen que o persoal médico de primaria poida derivar persoas a estes/as profesionais.

8.-Implementar protocolos de traballo.

9.- Calendarios de traballo estables, reparto equitativo das xornadas de traballo.

10- Xerencias de primaria e estrutura directiva, que permita facer planificación, desenvolvemento dos procesos, se responsabilice da xestión...

11.- Formación de Residentes e organización das axendas da consulta.