Concéntranse na Estación de Autobuses de Compostela en solidariedade co traballador despedido de Freire

A FGAMT-CIG exixe a súa inmediata readmisión
Compostela - 09 Mar 2020

Traballadores/as e representantes da CIG, entre outras o secretario xeral, Paulo Carril, concentráronse esta mañá diante da Estación de Autobuses de Compostela en solidariedade co traballador despedido da Empresa Freire por presentarse como candidato da CIG, e en demanda da súa inmediata readmisión.

Logo de ter impugnado o proceso electoral diante da Inspección de Traballo e de ter presentado na consellaría de Emprego e Igualdade papeleta de conciliación solicitando a nulidade do despedimento iniciábase hoxe a primeira das mobilizacións previstas para denunciar publicamente o despedimento dun condutor da Empresa Freire que se ía presentar pola CIG nas eleccións sindicais.

Este traballador facía a ruta Santiago-Aeroporto Rosalía Castro en Lavacolla desde hai tres anos sen que nunca tivera unha queixa polo seu traballo nin da empresa, nin das usuarias e usuarios.

Porén, pasado o día 26, un día despois de ter asinada a candidatura da CIG para as eleccións sindicais é fulminantemente despedido cunha carta na que se alegaba un suposto baixo rendemento como motivo do cese. Como dixo Inácio Pavón na concentración “se a CIG é hoxe a primeira forza sindical no país é o entre outras cousas por non deixar a ninguén no camiño, por iso non imos parar mentres o noso compañeiro non volva ao seu posto de traballo”. De feito na concentración ademais de compañeiros/as da súa empresa había representantes doutras empresas do sector como Tralusa, Arriva, Fermanos Ferrín, Autobuses de Calo ou do grupo Monbús.

Empresa Freire ten a concesión das liñas Santiago-Lugo e Santiago-Aeroporto que, se ben son concesións públicas dependentes da consellaría de Mobilidade e o concello de Santiago, esta empresa as xestiona como se fosen da súa propiedade cometendo todo o tipo de irregularidades e permitíndose darlle un trato denigrante ao persoal para impedir a liberdade sindical.

Por iso Pavón reiterou a demanda de que tanto a consellaría como o concello “tomen cartas no asunto de cara aos novos contratos de transporte interurbano e urbano actualmente en proceso de licitación diante dos graves incumprimentos en materia laboral e de liberdade sindical que se están denunciando”.

O representante da FGAMT-CIG indicou ademais que van ser solicitadas reunións coa consellaría e o concello e que durante toda esta semana haberá repartos de folletos explicativos nas estacións de autobuses de Santiago e Lugo e no aeroporto de Santiago.

A CIG continuará coas medidas de protesta de non resolverse coa readmisión do despedido este conflito.