Condenan a Carrefour a pagar unha indemnización de máis de 6000 euros a un traballador

A empresa ignorou as solicitudes do empregado para que se lle ampliara a xornada laboral
Lugo - 26 Mai 2021

O xulgado do Social nº 2 Lugo vén de recoñecer o dereito dun traballador de Carrefour a ampliar a súa xornada laboral das 24 horas semanais ás 39 horas, e condena á empresa a abonarlle unha indemnización de máis de 6000 euros en concepto de lucro cesante, pola diferenza entre o que cobrou e o salario que cobraría se prestara o seus servizos a xornada completa.

O traballador afectado leva prestando servizos para o CC Carrefour Lugo a tempo parcial dende o ano 2004, cunha xornada semanal de 24 horas. Tomou a decisión de presentar denuncia en marzo de 2018, despois de terlle solicitado á empresa que se lle ampliara a xornada até en tres ocasións entre maio de 2016 e novembro de 2017. Non obstante, a cada unha das peticións, a compañía respondeu con silencio e iso a pesar de que nese período se produciran varias vacantes e novas contratacións neste centro de traballo.

Cómpre lembrar que o convenio colectivo de grandes almacéns establece no seu artigo 9 que, no caso de incremento do cadro de persoal ou de existir vacantes a cubrir, en similar función, a igualdade de condicións, os traballadores e as traballadoras con contratos a tempo parcial terán preferencia sobre as novas contratacións a tempo completo.

A empresa nin sequera contestou ás solicitudes

Porén, Carrefour non só non lle ofreceu a posibilidade de ampliar a súa xornada laboral ás 39 horas semanais, senón que nin sequera lle contestou ás solicitudes, nin tampouco xustificou a realización doutros contratos.

Por todo iso, o xulgado recoñece o dereito do traballador a ampliar a xornada de traballo con efectos económicos dende o 30 de novembro de 2017 (data na que presentou a última solicitude á empresa) e condena a Carrefour a abonarlle unha indemnización de case 6000 euros (máis os intereses xerados).

Este é un exemplo máis da política de precariedade e imposición que practica Carrefour nas súas relacións laborais, denegando de maneira sistemática melloras aos seus traballadores e traballadoras e obrigándoas a ter que acudir permanentemente aos xulgados para poder exercer os seus dereitos.