• Nova

Condenan a Mercadona a readmitir e indemnizar a unha traballadora á que despediu estando de baixa

A sentenza recoñece que houbo "discriminación por discapacidade" polas limitacións da empregada para erguer pesos
A Coruña - 30 Out 2018

Despedimento nulo por "discriminación por discapacidade". Este é o fallo da sentenza do xulgado do Social 3 da Coruña que obriga a Mercadona a readmitir a unha traballadora á que despedira estando de baixa médica. A CIG-Servizos amosa a súa satisfacción por esta resolución que pon coto a este tipo de prácticas abusivas, mais lamenta que calquera discrepancia laboral nesta empresa teña que ser resolta pola vía xudicial, "porque as relacións laborais en Mercadona non existen".

O responsábel de comercio da CIG-Servizos da Coruña, Roberto Pérez, a delegada da CIG en Mercadona, María López,  e a propia traballadora afectada, Lucía Piedrafita, deron a coñecer esta tarde en rolda de prensa a sentenza xudicial que condena a empresa a reincorporar a traballadora tendo en conta as súas limitacións físicas, a abonarlle os salarios deixados de percibir e a pagarlle unha indemnización por vulnerar o seu dereito á non discriminación por razón de discapacidade.

"Mercadona pretendía que este fora un despedimento exemplarizante de que nesta empresa non se pode estar enferma/o e moito menos cunha discapacidade", criticou Roberto Pérez. Neste senso, matizou que o único impedimento que ten a traballadora é erguer pesos de máis de 5 kg, pero Mercadona, en vez de adaptarlle posto ou mudala de sección, tal e como obriga a lexislación, optou por rescindirlle o contrato "e iso despois de sometela un intenso seguimento a través de detectives privados".

"Polas súas limitacións para levantar pesos, esta compañeira non pode estar na sección de froita. Para resolver a situación, chegaba con que a mudaran a outra sección, como a de perfumería na que estivera previamente e onde nunca tivera problemas de saúde derivados do seu traballo. Pero nesta empresa se te pos enfermo pasas a estar nunha lista negra. Até a encargada fixo charlas entre o persoal para falar mal dela e mesmo dixo que se alegraba de que a despediran, algo que recoñeceu durante a súa declaración no xuízo", denunciouse na rolda de prensa.

Intenso control sobre a traballadora

Pérez explicou que os problemas para a traballadora iniciáronse cando a empresa decidiu cambiala á sección de froitería. Aos poucos días, a empregada comezou a ter fortes dores de costas, xa que padece unha escoliose idiopática, e comunicoulle a súa encargada que tiña serias dificultades para erguer os pesos que se manexan nesa sección, polo que pediu volver ao departamento no que estivera até entón.

Para resolver a situación, chegaba con que mudaran a traballadora a outra sección.  Pero nesta empresa se te pos enferma/o pasas a estar nunha lista negra"

Esa petición non foi atendida e aos poucos días a traballadora caeu de baixa cunha lumbalxia provocada polo esforzo físico realizado no seu posto, tal e como así se recolle no parte médico do SERGAS. Activouse entón a que xa é práctica habitual de Mercadona co persoal que colle unha baixa: seguimento intensivo da traballadora por parte do servizo médico da empresa, con constantes entrevistas e preguntas sobre a súa evolución e as probas que lle están a realizar.

En cada unha desas entrevistas, a traballadora facilitoulle ao servizo médico da empresa toda a información que lle reclaman, explicitando que a médico rehabilitadora lle dixo que non poderá cargar pesos polo estado da súa columna vertebral. O control sobre a traballadora é tal, que Mercadona contratou os servizos dun detective privado para que a siga no seu día a día.  Xunto a isto, retiroulle o complemento de incapacidade temporal por sobrepasar os tempos medios de curación dunha lumbalxia ordinaria, até finalmente comunicarlle por burofax a rescisión do seu contrato.

Reincorporación atendendo as recomendacións médicas

O despedimento foi recorrido en vía xudicial e agora a sentenza determina que a empresa cometeu "discriminación por discapacidade", xa que, a pesar de coñecer as limitacións da traballadora para desempeñar diversas tarefas como cargar pesos de máis de 5kg, en vez de adaptarlle o posto ou cambiala de departamento, optou por despedila.

Tamén lle afea a xuíza a Mercadona que pretendera xustificar o despedimento precisamente pola actividade da traballadora na súa vida privada, como ir mercar unha peza de roupa ou facer a compra diaria, tendo que demostrar Lucía coas facturas de compra que se trataba de mercadorías de escaso peso.  Por todo isto, a sentenza considera o despedimento nulo e obriga a empresa a reincorporar a traballadora, mais tendo en conta a súa patoloxía e as recomendacións médicas.

"E aínda coa sentenza na man, Mercadona dixo non recoñecer o informe médico e que ía facer o seu propio ditame", subliña Pérez.