Confírmase o inicio da folga indefinida no sector do transporte de viaxeiras/os para o día 8 de maio

Na xuntanza da Mesa Galega celebrada este xoves, a patronal desdíxose do acordo asinado
- 05 Mai 2023

A folga indefinida no sector de transporte de viaxeiros iniciarase o vindeiro luns día 8 de maio nas catro provincias, logo de que na xuntanza da Mesa Galega do sector, celebrada onte no Consello Galego de Relacións Laborais, a patronal chegara cunha nova proposta coa que pretender non manter o recollido no acordo asinado o pasado 26 de abril, que quedaría así desvalorizado.

O día 26 de abril anunciarase a suspensión das dúas xornadas de folga previstas para os días 27 e 28 de abril, mantendo inicialmente a convocatoria da folga indefinida a partir do día 8 de maio, ao asinar patronal e sindicatos que se pagarían os IPC do 6,5% en 2021 e do 5,7% en 2022, ou o que é o mesmo, un 12,2% neses dous anos. Isto sentaba unhas bases a partir das que, nas seguintes xuntanzas, se abordarían o resto das cuestións pendentes.

Porén, segundo explica Xesús Pastoriza, responsable do sector do Transporte da FGAMT-CIG, na xuntanza celebrada onte, entre as 10:00 e preto das 21:00 horas, a patronal presentou unha nova proposta que modifica ese acordo. “Non retiraron ese 12,2%, o que dixeron foi que sería a pagar nos anos 2023, 2024, 2025 e 2026, o que suporía aceptar un 0% para os anos 2021 e 2022”.

Despois de todo o día de negociación, a patronal acabou ofertando un 15%, pero entre o 2021 e o 2025. Pastoriza explica que “iso sería pagado nos anos 23, 24 e 25, sen os atrasos do 21 e 22”. Unha proposta que foi rexeitada  porque “non regulan o IPC” nin incorporan ningunha das outras cuestións relativas ao persoal acompañante, nin á regulación dos descansos diarios na xornada, entre outras cuestións.

Por iso o representante da CIG valora a actitude da patronal como “absolutamente negativa porque non manteñen a súa palabra”. Acúsaos de “xogar sucio” e de ter asinado o acordo “gardándose un as na manga” para conseguir a desconvocatoria das dúas xornadas de folga de finais de abril, para posteriormente mudar o contido do asinado e advirte que isto xera “unha profunda desconfianza”, ademais de “deixar á Mesa moi tocada”.

Por iso teñen hoxe convocadas asembleas, ás 22:00 horas, nas sete cidades para informar do que aconteceu na xuntanza e coordinar o desenvolvemento da folga.