Confírmase o peor escenario: o administrador anuncia o peche de Isidro 1952

Traballadoras/es concentráronse este venres diante do edificio da Xunta na Coruña
A Coruña - 06 Mar 2020

O administrador concursal comunicáballe esta semana ao comité de empresa o peche definitivo de Isidro 1952 e polo tanto, que vai formular un ERE de extinción para o resto do persoal que non estaba incluído no primeiro expediente. Esta decisión abre o peor escenario de todos os posíbeis cercenando as posibilidades dunha saída de futuro para as empregadas e empregados e abrindo a fase de liquidación da sociedade.

A proposta do administrador ten causado un profundo malestar entre traballadoras e traballadores, máxime cando nestes días se están a realizar nas piscifactorías e na planta de Cambre visitas de posíbeis compradores interesados.

Para a CIG resulta incocibíbel que a administración concursal non vexa máis alá de 'ingresos e gastos' e non teña esgotado outras vías alternativas como comprobar a existencia de compradores ou inversores interesados en continuar coa actividade da empresa. Estraña isto se temos en conta a potencialidade que ten esta industria tanto no sector das piscifactorías como na elaboración e comercialización de peixe elaborado e que, segundo as informacións que ten o comité, hai empresas que estes días están visitando as instalacións.

Na reunión do pasado mércores, a representación da CIG trasladou a máis enérxica protesta ao administrador concursal polo seu desleixo na procura de solucións que permitan manter os empregos e a actividade, non sendo capaz sequera de presentar un plan para o cobro dos salarios que a día de hoxe se lle adebedan aos traballadores e as traballadoras.

Un gran proxecto que se deixou morrer

Non hai que perder de vista que este é un gran proxecto que se deixou morrer. Houbo nestes anos unha evidente mala xestión da propiedade que levou á perda de confianza da clientela e a incrementar as millonarias débedas, mentres os xerentes se subían os salarios de maneira irresponsábel ao tempo que fraccionaban o pago das nóminas do persoal até en catro tramos.

Pero tamén houbo unha inoperatividade manifesta por parte da Xunta que, sabedora do que estaba pasando, non materializou o seu compromiso de que ían pelexar do lado dos traballadores/as por salvar esta industria.

O que sería intolerábel sería que a posteriori apareceran especuladores que se fixeran coas instalacións e puxeran en marcha un novo proxecto partindo de cero e sen ter en conta os traballadores e as traballadoras actuais. O próximo martes, o administrador ten convocado ao comité para "asestar o golpe definitivo aos postos de traballo".

Diante desta situación, o persoal tócalle seguir mobilizándose na defensa dos seus dereitos e para esixir do Goberno galego que actúe para evitar o peche definitivo de Isidro 1952 e por iso hoxe realizaron unha concentración  diante do edificio da Xunta na Coruña, que xa estaba prevista antes de coñecerse o anuncio do administrador.