Constitúese a mesa de negociación do XVIII convenio de empresas de consultoría en Madrid

A CIG-TIC segue apostando por un marco galego de relacións laborais

Nacional -

Representantes da CIG-TIC participaron o pasado día 27 de novembro no acto de constitución da mesa negociadora do XVIII convenio de empresas de consultorías do Estado español. Na xuntanza, que se celebrou na sede da patronal española de empresas de consultorias, AEC, participaron tamén CCOO, UGT, LAB e ELA. Representando á patronal estaban convocadas as organizacións AEC, ACEC e a "Asociación Nacional para la Investigación de Marketing, Económico y Social".

Aínda que a CIG aposta por un marco galego de relacións laborais, desde o sector das TIC do sindicato acordouse participar na negociación, polo menos nestas primeiras fases, na defensa da clase traballadora galega, “debido a que é un convenio que nos atinxe directamente”, polo que xa anunciaron que tamén asistirán ás reunións previstas para xaneiro e febreiro de 2020.

Segundo transcorran estas negociacións, a CIG no seu conxunto e a CIG TIC en particular valorarán a conveniencia da participación da central sindical nestas, pois “cremos que, debido ás condicións socio-laborais específicas do proletariado galego do noso sector, un marco galego de relacións laborais e un convenio verdadeiramente TIC é imprescindible, como estamos pondo de manifesto nas reunións no Consello Galego de Relacións Laborais que vimos celebrando para acadar un Convenio TIC galego”.

A pesar de recibir o aviso da nosa participación na mesa tarde, vía burofax, enterándonos previamente por comunicados de prensa, e de ver como estaba previamente negociada a composición desta, “queremos agradecer a confianza da maioría dos traballadores e traballadoras TIC da Galiza, que permite que a CIG forme parte, como un dos sindicatos máis representativos a nivel estatal, da mesa de negociación do convenio de consultorías”, sinalan.

Para contactar coa CIG TIC ou ben informarte da nosa actividade sindical, podes comunicarte a través do facebook (https://www.facebook.com/cigtic), vía twitter (https://www.facebook.com/cigtic) ou directamente a través do enderezo de correo electrónico cig.tic@galizacig.gal, así como podes achegarte ao local sindical da CIG que estea máis preto.

Volver