Continúa a loita incansábel do persoal dos centros de Política Social para reclamar a recuperación de dereitos recortados

O persoal desenvolveu novas protestas en defensa das súas condicións laborais
Nacional - 05 Nov 2020

As traballadoras/es dos centros de atención directa da Consellaría de Política Social seguiron esta mañá coas protestas que manteñen dende hai meses en demanda da recuperación dos dereitos laborais recortados coa escusa da crise en 2012 e para esixir uns servizos de atención ás persoas 100% públicos e de calidade. A CIG denuncia ademais a falta de medidas de prevención en moitas destas instalacións, o que está a provocar un aumento de casos de contaxio da covid entre o persoal e as persoas residentes e usuarias.

Dende o sector de Autonómica da CIG-Administración sinalan que “algo está a facer mal a Xunta se sete meses despois da primeira onda do virus as residencias continúan a rexistrar altos niveis de contaxio”. En concreto, critican que os responsábeis autonómicos se neguen a revisar as avaliacións de risco “e a analizar o que aconteceu despois de cada contaxio para que non volva suceder”.