Continúa en Ourense a campaña para reclamarlle a Mercadona información e garantías laborais ante o novo modelo de tenda

Ourense - 22 Xul 2026

A CIG-Servizos continuou este martes no Mercadona das Lagoas de Ourense as mobilizacións para reclamar información e garantías laborais ante a implantación do novo modelo ‘Tenda 9’. A protesta dá continuidade ás mobilizacións xa realizadas en Ferrol e Vigo polas seccións sindicais da CIG ante a falta de comunicación a respecto dun proceso que entenden determinante para o futuro do emprego na empresa.

A este respecto, advirten que o novo modelo que xa se está implantando en varias tendas de Galiza está a conlevar despedimentos, traslados de persoal a outras localidades e unha maior presenza de contratacións parciais ou descontinuas.

O novo formato de negocio de Mercadona aposta por unha oferta máis orientada á restauración rápida, “potenciando o consumismo, competindo con cadeas de comida para levar e con establecementos de produto preparado e envasado”. Unha transformación que tamén suprime a atención directa pola agrupación de produtos envasados, substituíndo así as seccións de produto fresco.

As seccións sindicais da CIG consideran que este novo modelo suporá unha redución dos postos de traballo e unha deterioración das condicións laborais. E advirte de que tras a imaxe pública de emprego estábel e salarios competitivos que proxecta a compañía existen situacións que cualifica de abusos de poder, prácticas antisindicais, penalizacións económicas e ritmos de traballo excesivamente exixentes.