Fronte ao inmobilismo da patronal, o persoal das residencias de maiores loita por un convenio digno

Traballadoras/es realizaron unha nova concentración en Ferrol
Ferrol - 18 Abr 2017

O persoal das residencias privadas da terceira idade continúa adiante coas mobilizacións para esixir un convenio colectivo galego digno e que recolla melloras salariais e sociais reais. Desta volta, a  concentración desenvolveuse diante da residencia que a empresa Geriatros ten na Avenida do Esteiro en Ferrol.

Dende a CIG-Servizos explican que a patronal pretende impor un convenio colectivo a tres anos "totalmente inadmisíbel", con conxelación salarial para o ano 2016, un miserento incremento do 0,5% para 2017 e do 1% para o ano 2018. Neste senso, lembran que o IPC do pasado ano foi do 1,6%, “porcentaxe que tiveron que asumir porque no convenio en vigor regúlase aplicar a porcentaxe do IPC cando non hai acordos”.

Xunto a isto, explica Roberto Alonso, Secretario Comarcal da CIG-Servizos de Compostela, a proposta da patronal tampouco inclúe ningunha hora de redución de xornada e tan só estabelece un día de libre disposición.

Por se non fora abondo, as empresas seguen sen recoñecer o plus de asistencia nas vacacións do ano pasado, tal e como ditan as sentenzas dos tribunais europeos. Neste senso, Alonso apuntou que este recoñecemento está xudicializado polas centrais sindicais e esta mesma semana haberá conflito colectivo.

"A patronal mantén a súa postura inmobilista coa intención de aplicar recortes", denuncia o representante sindical, mentres lembra que aínda que o sector é rendíbel, as traballadoras e traballadores teñen que realizar longas e esgotadoras xornadas laborais e perciben uns salarios cativos.

Fonte a isto, reclamoulle á patronal que "recapacite e sente a negociar un convenio que realmente recolla melloras para o persoal", pois do contrario, o sector seguirá pelexando e mobilizándose por unhas condicións laborais e salariais dignas.