Continúan as mobilizacións dos condutores da liña Santiago aeroporto para recuperar os seus postos de traballo

Concentráronse esta mañá diante do Pazo de Raxoi para demandar a subrogación a TRALUSA
Compostela - 25 Feb 2021

Os condutores da liña de Santiago-aeroporto concentráronse esta mañá diante do Pazo de Raxoi, coincidindo coa celebración do pleno municipal, para demandar do concello de Santiago que solucione dunha vez a súa situación e se asuma a subrogación por parte de TRALUSA cando saian os pregos do novo concurso para o transporte urbano de Santiago.

TRALUSA confirmou, o pasado día 23 de decembro, ao persoal de Freire que facía a liña Santiago-aeroporto-Santiago que non sería subrogado. Unha situación da que a CIG responsabilizou directamente ao goberno municipal compostelán por non ter articulado medida algunha para evitar que os traballadores quedara na rúa, dun día para outro, malia saber, desde había meses, que a concesión da Xunta remataba o día 22 de decembro e que esta liña, en concreto, pasaba a ser asumida polo concello.

Para a central sindical resulta ademais inadmisíbel que non se contara en ningún momento co persoal que prestaba o servizo nesa liña, nalgún caso, desde hai máis de 20 anos.

Con esta mobilización exixen que ademais de boas palabras por parte dos representantes do goberno municipal se poñan solucións reais enriba da mesa de inmediato para que os 9 condutores afectados xunto con 1 mecánico e 1 xefa de tráfico recuperen os seus postos de traballo.