Continúan as protestas para reclamar persoal celador e equipos novos en raios de urxencias do CHUAC

A Coruña - 09 Feb 2023

A Comisión de Centros do CHUAC continúa adiante coas mobilizacións para reclamar máis persoal celador no servizo de raios de urxencias do Hospital da Coruña e unha renovación das equipas radiodiagnóstico. Este xoves concentráronse na porta de entrada do servizo e saíron en manifestación arredor do centro hospitalario ante a "actitude pasiva da Xerencia, que se mantén na liña do aforro" malia o deterioro da atención sanitaria.

Neste senso, a comisión sinala que son precisos 2 celadores/as no servizo de raios de urxencias (1 para a quenda de mañá e 1 para a quenda de tarde) para poder prestar unha asistencia en condicións adecuadas ás e aos pacientes. E subliñan que nesta categoría "non hai escaseza de profesionais, o que nos atopamos aquí é unha ausencia de inversión en recursos humanos revertendo directamente na atención ás persoas doente, que pasan horas na sala de espera de raios".

Deste xeito, esta sala, ao final, "acaba converténdose nun corredor máis do servizo de urxencias pero sen os medios adecuados a esa atención".

Xunto ao reforzo de persoal, coas protestas demándanse tamén investimentos en recursos materiais, xa que as equipas de radiodiagnóstico "están obsoletas". Por este motivo, presentouse denuncia na Inspección de Traballo que concluíu, no mes de decembro, que nas salas de raios número 28 e 29 "non se pode dar a asistencia a pacientes encamados". Non obstante, a Xerencia non procedeu aínda á renovación dos equipos "e continuamos na mesma liña de desidia total á que se ve arrastrado un hospital de referencia como é o CHUAC".

Ante este abandono, "as/os profesionais do servizo seguiremos a loitar por unha atención sanitaria de calidade".