• Nova

Continúan en Ferrol as mobilizacións por un convenio de residencias privadas digno

Malia esforzo realizado na pandemia, a patronal, controlada por DomusVi, pretende manter as traballadoras na precariedade
Ferrol - 14 Xun 2021

Delegados e delegadas da CIG, UGT e CCOO no sector das residencias privadas da terceira idade continuaron este luns co calendario de mobilizacións para esixir o desbloqueo da negociación do convenio colectivo, que está caducado dende decembro de 2018, e denunciar as manobras dilatorias da patronal.

Desta volta, a protesta trasladouse á residencia que DomusVi (empresa que controla o sector) ten na Avenida do Esteiro de Ferrol, onde se corearon consignas a prol dunhas condicións de traballo xustas e duns salarios que dignifiquen a actividade que realizan, pois malia evidenciarse como esencial durante esta pandemia, a patronal négase a compensar economicamente o sobreesforzo feito polas traballadoras e traballadores.   

Despois de demorar durante seis meses a constitución da mesa de negociación, explica a responsábel do sector da CIG-Servizos de Ferrol, Beatriz Fernández, a patronal non achegou ningunha proposta e "só está facendo un paripé para dilatar o máis posíbel a negociación", á espera de que o Tribunal Supremo se pronuncie sobre o recurso que presentaron á sentenza do TSXG que daba a razóns ás centrais sindicais no conflito colectivo pola compensación dos festivos traballados.

Critica a actitude da patronal, que acude ás reunións "sen intención de negociar e partindo da base de que non vai haber melloras salariais". Fronte a isto, engade, "as centrais sindicas non imos renunciar a reivindicar melloras económicas e, sobre todo, sociais para as traballadoras/as, e seguiremos adiante coas mobilizacións".

Un convenio que regula as condicións dunhas 10.000 persoas

Este convenio atinxe a preto de 10.000 persoas, na súa inmensa maioría mulleres e regula as condicións de Centros de Día, Centros de Coidados ou Residencias que son ben públicas de xestión privada, privadas con financiamento público ou completamente privadas.

Fernández pon a atención en DomusVi, compañía domina o sector das residencias privadas de maiores, "que vende publicamente unha imaxe modélica dos seus centros, cando nas súas residencias ten os cadros de persoal axustadísimos e nunhas condicións precarias". Ademais, denuncia que, nunha comarca empobrecida como Ferrolterra, empresas como esta aprovéitanse de que en moitos fogares o único salario que entra é o destas traballadoras para manter e afondar a explotación laboral.

Incumprimento das ratios

Sobre a situación do sector, a secretaria nacional da CIG-Servizos, Transi Fernández, denuncia o incumprimento das ratios de persoal por número de persoas dependentes, unha situación que está moi controlada nos centros públicos nos que, co mesmo número de dependentes contan con até 15 traballadoras máis.

Xunto a isto chama a atención sobre o feito de que a inmensa maioría das persoas ingresadas en residencias de maiores e persoas dependentes que finaron a consecuencia da Covid estaban en centros privados e que só 5 dos falecementos se corresponden con centros públicos.

Atribuíu esta situación á falta de control por parte da consellaría de Política Social sobre as condicións nas que se traballa nestes centos e denunciou que, de feito, a Xunta de Galiza só conta con 7 inspectoras e inspectores para todo o país.

Por iso, as centrais continuarán coas mobilizacións para denunciar publicamente as condicións laborais que padecen as traballadoras e como se recortan as prestacións que reciben as persoas dependentes para que as empresas se enriquezan.