Contuinúan as mobilizacións pola readmisión da traballadora despedida por Cafeterías Herculinas

Despois de reclamar os seus dereitos e tras promover as eleccións sindicais na empresa
A Coruña - 11 Xan 2021
O pasado venres continuaron as mobilizacións para esixir a readmisión da traballadora despedida por Cafeterías Herculinas despois de ter que reclamar o seu dereito a conciliar, a cotizar e cobrar pola xornada efectiva de traballo tras promover eleccións sindicais e presentarse na candidatura da CIG. Ademais, antes de comunicarlle o despedimento, a traballadora tivo que soportar unha campaña de acoso e intimidación por parte da empresa, que lle abriu até catro expedientes sancionadores en menos de tres meses.

As concentracións estanse realizando en venres alternos que se intercalan con reparto de follas nas que se informa da situación laboral nos establecementos desta empresa, coa que até o momento non se produciron avances, polo que xa foi presentada demanda nos xulgados polo despedimento.

Coas protestas tamén se queren denunciar os abusos patronais, que se cumpra co convenio colectivo, se respecte a liberdade sindical e os dereitos laborais e salariais do persoal.