Convocada folga de ambulancias a partir do 8 de febreiro tras a patronal propor unha rebaixa do 10%

Convocan concentracións nos hospitais de referencia das 7 cidades o día 31 de xaneiro
Nacional - 28 Xan 2019

Representantes do comité de folga do sector de ambulancias e representantes da CIG, CCOO e UGT rexistraron esta mañá, na consellaría de Traballo, a convocatoria de folga que se desenvolverá de forma intermitente, do 8 ao 11 de febreiro; do 18 ao 24 de febreiro; do 4 ao 10 de marzo e, a partir de aí, de forma indefinida. Para o vindeiro xoves, día 31 de xaneiro teñen ademais convocada a primeira mobilización, con concentracións simultáneas en todos os hospitais de referencia das sete cidades, ás 11:00 horas (agás en Compostela, que será ás 11:30 horas).

En representación do sector, no que traballan entre 1.500 e 1.600 persoas, compareceron Xesús Pastoriza, da CIG, Pedro Beade, de CCOO e Oscar Vázquez de UGT, acompañados de delegados e delegadas. Diante mesmo da consellaría Pastoriza explicou que a decisión de convocar a folga acordouse logo da patronal rachar a mesa de negociación, despois de tres anos, ao propor na última xuntanza unha redución dun 10% do convenio, coa posibilidade mesmo de impagos a partir do mes de marzo.

En concreto, esa rebaixa tradúcese nunha redución do 6-7% dos salarios mais quitar os complementos por IT; reducir días de asuntos propios; crear 3 escalas salariais, á baixa, e mesmo recortar en lavado de roupa e uniformes, que completaría ese 10%.

Fronte a isto reclaman que o novo convenio contemple un incremento salarial a través de cuestións como o recoñecemento do dereito a percibir a terceira paga extra, entre outros; a redución do número de horas, que se ampliaron nestes últimos anos ao medrar nun 20% o número de servizos realizados sen incrementar o persoal; e en materia de saúde laboral, xa que mentres a media de baixas en Galiza é dun 5%, neste sector, malia a media de idade estar nos 40 anos, a media de baixas –na inmensa maioría por problemas musculo-esqueléticos- é do 13%.

Xunto a isto, tamén queren mudar a situación das traballadoras e traballadores que están sendo contratadas/os en prácticas pero cobrando menos que o resto do persoal.

A Xunta responsábel

Os contratos de transporte sanitario urxentes fainos a Fundación sanitaria 061, dependente da consellaría de Sanidade e os de non Urxente fanse polas propias EOXIS, as Xerencias comarcais. Por iso os representantes das organizacións sindicais coincidiron en responsabilizar á Xunta de Galiza desta situación, por sacar os contratos a concurso por debaixo do seu custo, mais tamén por aceptar as propostas con baixa temeraria presentadas polas empresas para competir entre elas, sabendo que isto provocaría rebaixas nos salarios das traballadoras e traballadores. Unha situación malia a que, segundo denunciou Pastoriza, "a Xunta de Galiza está completamente desaparecida, nin nos recibe, nin sabemos nada dela".

Tamén denunciaron as nesfastas condicións nas que se atopan moitos dos vehículos, nos que faltan as escadas para facilitar o acceso a persoas con mobilidade reducida e as condicións nas que ten que desenvolver o seu traballo o persoal, con uniformes que non se desifectan e que poderían mesmo provocar problemas de saúde pública.

A isto Xesús Pastoriza engadiu que “a Xunta está utilizando vehículos de apoio que non son ambulancias contratadas, como son o 061, e que son simples furgonetas semiequipadas, que van cunha persoa, cando tiñan que ir dúas e con outra equipación”.

O representante da CIG asegurou ademais que “o servizo estase mantendo pola xente que traballa neste sector, non pola estrutura que tiña que ter e que debía garantir a Xunta de Galiza”.