Convocada folga indefinida no servizo de estilismo da CRTVG a partir do día 30

O xoves 22 de marzo, ás 12:00 horas, concentraranse diante do edificio do ente público en San Marcos
Compostela - 20 Mar 2018

As traballadoras do Servizo de Estilismo da CRTVG, contratado á empresa New Model’s SL, leva traballando sen cobrar os seus salarios desde o mes de decembro. Alén diso, fican no aire os seus postos de traballo despois de que a empresa fora declarada en concurso voluntario de acredores polo Xulgado do Mercantil nº 3 de Pontevedra, o pasado 21 de novembro. Por iso acordaron a convocatoria de folga indefinida e o inicio de mobilizacións. A primeira está prevista xa para o vindeiro xoves día 22, ás 12:00 horas, diante das instalacións da CRTVG en San Marcos.

Desde setembro recaía unha orde de embargo da cont ade New Model’s, ordenada pola Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT), polo que os pagamentos da CRTVG ingresaban na AEAT. A débeda do embargo foi saldada a finais de xaneiro e desde entón a CRTVG está a reter os pagamentos a aboar a New Model’s, até atinxir os 70.000 €.

Segundo a xefa do Servizo de Administración e Facturación da CRTVG, para poder efectuar eses pagamentos sen incorrer en responsabilidade ,New Model’s tiña que presentar unha certificación expedida pola AEAT de estar ao corrente no cumprimento das súas débedas tributarias. Condición que non se podía cumprir, como así se lle advertiu desde a sección sindical da CIG da CRTVG, unha vez que a  débeda contraída coa Administración Tributaria é moi superior á cantidade embargada.

Denegada a mencionada certificación pola AEAT, como era de esperar, o pasado 7 de marzo a administración concursal solicitou á CRTVG o pagamento das cantidades retidas, achegando o criterio interpretativo da Administración Tributaria, segundo o cal, cando un debedor concursal efectúe pagamentos aos que se está obrigado por contrato, previo requirimento do xuíz ou da administración concursal, non procederá a derivación de responsabilidade prevista na lei.

Non se establece prazo algún para realizar os pagamentos

Porén, o pasado venres 16 de marzo a CRTVG trasladou ás traballadoras do Servizo de Estilismo a decisión de enviar un escrito á administración concursal comunicándolle a intención de aboar a New Model´s as cantidades pendentes de pago o día 1 de abril, alargando absurdamente o prazo e prolongando innecesariamente o sufrimento das traballadoras.

Un prazo, ademais, que non contribúe a disipar o temor da nova empresa á que se lle adxudicou o contrato, Acicala Estilismo,  ante a eventualidade de ter que asumir as débedas que New Model’s puidese ter contraídas con Facenda, a Seguridade Social ou as traballadoras subrogadas. Podería resultar finalmente, como así lles comunicou a CRTVG ás traballadoras, que Acicala Estilismo renuncie ao contrato.

Nese suposto, segundo a interpretación que fai o Subdirector do Departamento de Contratación, Patrimonio e Servizos Comúns, habería que tramitar un novo expediente de contratación, que coa nova Lei 9/2017, de 8 de novembro, de Contratos do Sector Público, xa non podería incluír a obriga de subrogar as actuais traballadoras do Servizo de Estilismo, ficando os seus postos de traballo no ar.

Rescate do servizo

Así as cousas, a sección sindical da CIG da CRTVG considera que a situación do Servizo de Estilismo da compañía evidencia que “as privatizacións, baseadas en criterios mercantilistas de lucro, non garanten o emprego e os dereitos laborais das traballadoras e traballadores, e comprometen a calidade e a continuidade do servizo público”. Por tanto, reclama o rescate para a xestión directa pola CRTVG do Servizo de Estilismo, Perruquería e de calquera outro servizo da actividade principal da CRTVG que teña carácter estrutural, con subrogación de todo o persoal que presta estes servizos,como  única garantía de mantemento do emprego e de sustentabilidade do servizo público.

Á demanda do rescate do Servizo de Estilismo e Perruquería súmase tamén o Comité de Empresa que acordou, na xuntanza celebrada este martes, solicitar unha xuntanza urxente á Dirección de Recursos Humanos coa fin de iniciar a negociación colectiva para este efecto.

O comité denuncia ademais as presións das que foron obxecto por parte da empresa as compañeiras e compañeiros que publicamente manifestaron o seu apoio ao persoal de estilismo.

Apoio do persoal da CRTVG

En tan só tres días recolléronse 590 sinaturas das traballadoras e traballadores da CRTVG, a maioría do cadro de persoal, solidarizándose coas compañeiras de estilismo e reclamando tamén o rescate do servizo.