Convocada folga na limpeza dos hospitais do Barbanza, O Salnés e Cee pola equiparación laboral
A CIG ten convocada folga no servizo de limpeza dos hospitais do Barbanza, O Salnés e Cee ante a falta de actuacións da Consellaría de Sanidade para rematar coa discriminación laboral e salarial que sofre este persoal e avanzar na equiparación coas condicións que xa teñen recoñecidas as compañeiras e compañeiros dos hospitais de referencia.
O pasado 19 de maio, a CIG presentou na dirección do SERGAS as sinaturas recollidas entre as traballadoras e os traballadores do servizo de limpeza destes tres hospitais reivindicando que se cumpra o principio de “a igual traballo igual salario”, solicitou unha reunión con Sanidade e no mes de xuño promoveu mobilizacións diante destes centros hospitalarios.
Porén, transcorrido o tempo, o SERGAS segue sen atender as xustas demandas do persoal nin puxo en marcha medidas para corrixir esta discriminación e impedir que as empresas concesionarias do servizo perpetúen a precariedade. Neste contexto, a CIG ten convocadas diversas xornadas de folga para reclamar que se homologuen dunha vez as condicións laborais e salariais do persoal dos hospitais de Ribeira, Vilagarcía e Cee ás que xa ten o persoal da limpeza dos hospitais de Santiago, Pontevedra e A Coruña, que gozan dun estatus laboral equiparado ao persoal do SERGAS.
As folgas desenvolveranse nos seguintes días e horarios:
- Hospital do Barbanza e do Salnés: días 11, 12, 18, 19, 25 e 26 de novembro en horario de 09:00 a 11:00h e de 15:00 a 17:00h. En decembro os paros serán os días 3, 9, 10, 16, 17, 22, 23, 29 e 30 no mesmo horario e a partir do 7 de xaneiro, se non hai avances, a folga pasará a ter carácter indefinido e a xornada completa.
- Hospital de Cee: a folga está convocada a xornada completa para os días 19, 20 e 21 de novembro. Ademais haberá concentracións os días 12 e 26 de novembro, ás 10 horas, diante do hospital Virxe da Xunqueira.
As traballadoras esixen equiparación salarial, redución da xornada e melloras en materia de permisos e licencias. No hospital do Salnés traballan neste servizo preto de 50 persoas e nos centros de Cee e Ribeira máis de 20 persoas.
A CIG alerta sobre o impacto social, xa que a precarización afecta a un colectivo maioritariamente feminino -representan o 95%- reforzando as desigualdades de xénero no mercado laboral galego.