• Nova

Convocada folga no servizo de recollida de lixo de Valdoviño para os días 8, 9, 10 e 11 de xullo

Polos incumprimentos reiterados dos pregos de condicións e o recorte de dereitos aplicado por FCC
Valdoviño - 01 Xul 2022

A CIG-Servizos ten convocada folga para os días 8, 9, 10 e 11 de xullo na empresa FCC Medio Ambiente SAU, que ten adxudicado o servizo de recollida de lixo no Concello de Valdoviño. A central sindical leva anos denunciando a precaria situación na que se atopan os traballadores e traballadoras deste servizo a causa dos incumprimentos da empresa.

A CIG denuncia que FCC vulnera de maneira sistemática o prego de condicións do concurso e o propio Estatuto das persoas traballadoras, "ademais de negarse a negociar un novo acordo laboral que garanta unhas condicións económicas e sociais dignas".

Cómpre lembrar que a totalidade do cadro de persoal xa se mobilizara diante do concello de Valdoviño para exixirlle ao Goberno municipal que asuma a súa responsabilidade e licite o novo concurso do servizo, caducado dende hai tres anos.

A isto hai engadir, explica Beatriz Fernández, da CIG-Servizos de Ferrol, a actitude ditatorial e inquisidora de FCC da que é bo exemplo a sanción imposta ao delegado de persoal, con suspensión de emprego e soldo durante dous días, por golpear a porta da nave cun camión durante a realización dun servizo.

Esta sanción está recorrida en vía xudicial e dende a CIG "advertimos que non imos tolear este tipo de actuacións por parte da empresa, cuxo obxectivo non é outro que amedrentar os traballadores e traballadoras", para que non reclaman os seus dereitos.