Convocan manifestación por unha atención sanitaria digna e contra os recortes nos centros de saúde de Marín

A marcha terá lugar este domingo 13 de febreiro a partir das 12:00 horas
Marín - 09 Feb 2022

A Plataforma pola Defensa do Centro de Saúde de Seixo, da que fai parte a CIG, ten convocada unha manifestación para este domingo día 13 dende o centro de saúde de Marín ás 12.00 horas por unha atención sanitaria digna e contra os recortes nas urxencias e nos centros de saúde de Marín e de Seixo.

Dende o colectivo, que continúa coa celebración de asembleas informativas e cos preparativos da mobilización fan un chamamento ao persoal sanitario dos dous centros de saúde e a toda a veciñanza do concello, tanto do casco urbano como das parroquias, a defender a sanidade pública na rúa.

A Plataforma, que agrupa a 20 colectivos e asociacións das parroquias de Santomé de Piñeiro, O Campo, Ardán e Seixo, no concello de Marín, celebrou ao longo da semana pasada varias asembleas nas parroquias, encontros que continúan esta semana no casco urbano para denunciar “a grave situación da sanidade pública”.

O colectivo valora como “moi positiva” a reacción da veciñanza á convocatoria da manifestación, “porque a sanidade no noso concello está moi deteriorada”. Nese sentido, apuntan que “a pesar da incidencia da covid en Marín e de que non podemos facer as xuntanzas ao aire libre, a xente acudiu e está interesada en seguir presionando á Xunta para ter unha atención sanitaria digna”. Ademais, “nas asembleas, calquera pode intervir e moitas persoas comentan os seus casos particulares, o que debuxa unha situación da sanidade pública peor do que se pensa”.

Insisten en que “isto non se soluciona nin con remendos nin cos anuncios propagandísticos da Xunta. Se segue a falta de recursos e os recortes de persoal, seguirá o aumento dos tempos de agarda para unha cita, as demoras en derivacións a especialistas e problemas no seguimento de crónicos. Sen persoal é difícil que se atendan e diagnostiquen todas as doenzas, e en saúde os diagnósticos a tempo son todo.”

Chamamento ao persoal sanitario

De cara á manifestación do domingo 13 de febreiro a Plataforma fai un chamamento a toda a veciñanza de Marín: “Queremos que acudan familias enteiras, tanto do casco urbano como das parroquias e barrios, para facer visíbel que a veciñanza do todo o concello está unida por unha atención sanitaria digna e contra os recortes.”

Finalmente, convidan ao persoal sanitario, especialmente o do centro de saúde de Seixo e de Marín, “porque sen persoal non hai sanidade pública de calidade para a veciñanza, hai máis sobrecarga e esgotamento dos profesionais e unha atención primaria ao límite.”

Nese sentido sinalan que “noutros lugares tamén se están movendo, porque todos/as sabemos que a presión da xente é a única maneira de parar o desmantelamento da sanidade pública. A veciñanza de Marín ten unha nova oportunidade o domingo para lembrarlle á Xunta que coa nosa saúde non se xoga”.