Convocada nova concentración contra a decisión de Carrís Hoteis de manter pechado o Hotel Almirante
A CIG-Servizos vaise concentrar diante da porta do Hotel Almirante en protesta pola decisión da empresa de aplicar un ERTE á totalidade do seu cadro de persoal, condenando o estabelecemento a permanecer pechado até abril de 2023. A mobilización terá lugar o día 03 de outubro ás 11:00 horas diante da porta do Almirante e posteriormente sairase en manifestación pola rúa María até chegar á Praza de Armas, onde se fará outra pequena concentración de 12 a 12:30h.
A CIG-Servizos de Ferrol advirte que a situación do inmoble nos últimos meses viuse comprometida polo intento de roubo nas instalacións até en tres ocasións, resultando exitoso un deles ao substraer material do Hotel e danando as portas das habitacións nas que entraron.
"Con este panorama, cada día que pasa atopámonos sumando problemas para a reapertura do inmoble, engadindo reparacións sobre as que xa había", alerta Xabier Rodríguez. Hai que remarcar que, até onde a CIG pode coñecer, as avarías que foran o motivo de peche segundo a cadea Carrís Hoteles están subsanadas, polo que non se entende agora a negativa da empresa a dar unha oportunidade á posta en marcha deste centro de traballo.
Reunión coa directora xeral de Relacións Laborais
A esta problemática estase tratando de poñer solución recorrendo a todos os medios posíbeis. Así, a representación do persoal e a CIG-Servizos mantiveron unha reunión coa directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, o pasado día 19 de setembro, para exporlle directamente a problemática do Hotel "e o despotismo amosado pola empresa durante todo este tempo".
Nese encontro, deixóuselle claro á responsábel política que a maioría do persoal xa esgotou as súas prestacións contributivas, e que neste momento quen pode estase acollendo a un subsidio non contributivo. Ante esta crítica situación, solicitouse a mediación da dirección xeral no conflito tratar de paliar ao máximo o prexuízo causado ao persoal.
Rodríguez engade que a todo isto hai que sumar a presunta falta de interese por parte do Concello de Ferrol, "xa que se tratou de levar a Pleno Municipal, a proposta do BNG, a sinatura dunha declaración institucional en apoio das traballadoras e traballadores do Hotel, asunto que aínda hoxe non foi incluído na orde do día, nin levado a Pleno no mes de xullo nin no de agosto. Veremos pois se logo do verán deciden apoiar a loita emprendida por este persoal".
Por todo o anteriormente exposto, a CIG vai realizar esta nova concentración en defensa dos intereses do persoal e en protesta ante esta situación, facéndolle saber á empresa e ao Concello de Ferrol que o persoal do Hotel Almirante quere traballar canto antes e reflotar o centro de traballo polo ben do persoal e da cidade.