• Nova

Convocadas asembleas no comercio da alimentación da Coruña ante a parálise na negociación do convenio

A patronal mantén unha postura inflexíbel e négase a entrar a negociar os temas prioritarios
A Coruña - 01 Dec 2016

As organizacións sindicais teñen convocadas en Ferrol, A Coruña e Compostela asembleas de traballadores e traballadoras do comercio da alimentación para avaliar a situación da negociación do convenio provincial e estudar as medidas a desenvolver diante do estancamento das conversas, a causa da posición "inflexíbel" e a negativa da patronal a entrar a negociar as cuestións prioritarias.

Asembleas

As asembleas de traballadores/as terán lugar o 2 decemebro, ás 22:00 horas:

-Compostela: no local da UGT (Miguel Ferro Caaveiro, 8).

-A Coruña: salón de actos do Edificio Sindical (Alfonso Molina s/n).

-Ferrol: local de CCOO (rúa María 42-44)

Logo de seis xuntanzas, a patronal négase a posibilitar que as traballadoras e traballadores a tempo parcial teñen dereito a cubrir as vacantes que se producen na empresa para poder incrementar así a súa xornada. As centrais CIG, USO, UGT e CCOO consideran esta negativa como  pura "intolerancia" por parte da patronal, xa que non supón incremento salarial

Ao tempo, a parte empresarial resístese a pór límite á contratación parcial, a estabelecer, cando menos, algún sábado libre no sector, e incluso a reducir a xornada anual -unha das máis altas dos sectores regulados por convenio-.

E a cambio destas negativas, ofrece un 0% de incremento salarial para 2016, o 0.25% para 2017 e 2018, e un 0.5% para os anos 2019 e 2020. Unha posición que a plataforma sindical só pode cualificar de "absolutamente inaceptábel".

Onde si se acadaron avances -supeditados ao acordo final- nos temas de licencias retribuídas e non retribuídas, garda legal, axuda escolar, excedencias por violencia de xénero e póliza de seguros.

Ante o bloqueo patronal, as organizacións sindicais chaman ao persoal do sector a participar nas asembleas "para que a patronal sinta a nosa forza e cambie a súa actitude na mesa de negociación".