Convocan seis xornadas de folga para que a Xunta se implique na problemática da conserveira Thenaisie

As empregadas/os desenvolverán concentracións diante dos centros de traballo do Grove e Mos

O Grove/Mos -

O comité de empresa da conserveira Thenaisie Provote, con centros de traballo no Grove e en Mos, vén de convocar seis xornadas de folga para reclamar a implicación da Xunta na problemática da empresa, que se atopa en concurso de acredores e con parte do persoal en ERTE.

Dende a representación das traballadoras/es demandan un proxecto industrial que garanta a actividade na compañía e permita o mantemento de todos os postos de traballo. Pero para iso é necesario que a Administración dea un paso á fronte e o grupo romanés propietario de Thenaisie, Scandia Food, se faga a un lado “para permitir que sexa a Xunta a que negocie directamente cos posíbeis inversores interesados na adquisición da empresa”. 

O cadro de persoal desenvolverá concentracións coincidindo cos paros

Na FGAMT-CIG do Salnés denuncian que o grupo romanés está a boicotear o proceso de venda co obxectivo de que a conserveira vaia á liquidación e lembran que Scandia comprometérase coa Xunta a dar un paso atrás no caso de que non se materializasen as conversas que mantiñan cunha conserveira interesada en mercar Thenaisie. “Pero os contactos quedaron en nada, e de feito a propia Xunta ía manter unha reunión con ese inversor, mais finalmente non se chegou a producir”.

Por iso dende a central entenden que é o momento de que Scandia se aparte do proceso e que sexa o Goberno galego o que intente reflotar a empresa. “Mais o grupo romanés non está a cumprir o acordado”, lamentan. Diante disto, o comité optou por convocar seis xornadas de folga os días 15, 16 e 17 e 22, 23 e 24 de setembro. Coincidindo cos paros, as empregadas/os levarán a cabo concentracións diante dos centros de traballo do Grove (5:00 horas) e Mos (6:30 horas).

Volver