Manifestación en defensa da sanidade pública de Verín o vindeiro 1 de agosto

A Comisión Delegada e a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Comarca de Monterrei denuncian o progresivo empeoramento da calidade asistencial
Verín - 08 Xul 2026

A Comisión Delegada de Verín e a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Comarca de Monterrei, da que fai parte a CIG, intensifican as mobilizacións en defensa do Hospital Comarcal de Verín e da Atención Primaria coa convocatoria dunha manifestación o vindeiro 1 de agosto para denunciar o deterioro progresivo da asistencia sanitaria na bisbarra e reclamar solucións urxentes por parte da Consellería de Sanidade e da Xerencia da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco.

Esta nova protesta chega en resposta ao progresivo empeoramento da situación do hospital, despois de que o pasado 1 de xullo a Xerencia de Verín lle rescindise o contrato a unha facultativa de Medicina Interna, o que implica un aumento na carga asistencial do resto do persoal facultativo. Derivado desta situación, onte mesmo produciuse a dimisión do xefe de sección do Servizo de Medicina Interna e tamén a imposibilidade do seguimento de doentes de cuidados paliativos da comarca. “O que está a acontecer evidencia a falta de apoio e de compromiso da Administración cos profesionais que asumen responsabilidades de xestión”, denuncian. 

Cada mércores ás 12:00h diante do Hospital, e o 1 de agosto nunha gran manifestación, debemos demostrar que a bisbarra non está disposta a aceptar o desmantelamento da súa sanidade pública

Ao tempo que fan fincapé en que non se trata de feitos illados, senón unha consecuencia directa da falta de planificación, da sobrecarga asistencial, da precariedade laboral e da ausencia de medidas eficaces para reforzar os servizos sanitarios da bisbarra. Mentres continúan desaparecendo ou debilitándose servizos fundamentais, aumentan as listas de espera, as derivacións a outros hospitais e as dificultades para acceder á Atención Primaria.

Desde a Comisión Delegada e a Plataforma reiteran que a sanidade pública da comarca precisa actuacións inmediatas que permitan recuperar servizos, cubrir as prazas vacantes, reforzar os equipos profesionais e garantir unha asistencia sanitaria segura e de calidade.

“Facemos un novo chamamento á cidadanía para participar activamente nas mobilizacións. Cada mércores ás 12:00 horas na porta do Hospital de Verín e, especialmente, o próximo 1 de agosto nunha gran manifestación, debemos demostrar que a bisbarra non está disposta a aceptar o desmantelamento progresivo da súa sanidade pública. Porque defender o Hospital de Verín e a Atención Primaria é defender o dereito á saúde de toda a comarca de Verín”.