Crise Covid-19: As dúas saídas, positiva e negativa, da desescalada

Francisco Letamendia - 27 Mai 2020

As estratexias e tecnoloxías biopolíticas contra a COVID-19 dos países do Sur de Europa, Italia, Estado español e Francia, consisten en medidas estritamente disciplinarias centradas no confinamento domiciliario da totalidade da poboación, acompañadas do tratamento dos casos de infección dentro dos enclaves hospitalarios clásicos. Deste xeito, o domicilio persoal non é xa só o lugar de encerro do corpo, senón o centro da economía do teleconsumo e da teleprodución

Orixe da pandemia do coronavirus

 A actual pandemia actual do coronavirus, di Alain Badiou, non é a única dos últimos tempos. Cal foi o punto inicial desta nova pandemia? Moi probabelmente o mercado da provincia de Wuhan, cheo de animais vivos en venda; a iso contribuíu a difusión planetaria de Chinesa desde o seu punto de orixe a través dos desprazamentos caóticos do mercado capitalista mundial. Os Estados intentaron frear entón esa difusión; pero facíano localmente, malia que a epidemia era universal. Moitos gobernantes declararon que estabamos en guerra. Pero tiñan claro que gañar a guerra non supón trastornar a orde social establecida (e aínda menos a organización territorial, baixo sospeita en territorios como Catalunya e Euskal Herria). Ao ter que ver esta guerra coa natureza, son os científicos os que adquiren un papel eminente.

 Mais as deficiencias do sistema fixéronse evidentes: falta de máscaras protectoras, insuficiencias no internamento de hospitais. Ademais, os Estados, e non só os neoliberais, viñan tempo debilitando o aparello de saúde en beneficio exclusivo do capital.

 Crise do equilibrio ecolóxico: Mais esta crise non é só sanitaria, senón do equilibrio ecolóxico mundial. O ano 2015, di Dan A Botz, comezouse a estudar a relación entre aceleración capitalista e cambio global, e identificáronse os cambios nos parámetros da sostilidade dos seres humanos na terra: o cambio climático; a diminución da diversidade biolóxica, a redución e mala calidade do auga doce, a contaminación química, a contaminación atmosférica, o buraco da capa de ozono, a acidificación dos océanos... Constatouse que se superou o límite de sostibilidade en catro parámetros: o clima, a biodiversidade, o nitróxeno e os solos.

 Aínda por riba da irresponsabilidade dos entes públicos, investigadores belgas e franceses concluíran o ano 2003 que os coronavirus eran unha categoría de virus moi estábel, e que era posíbel atopar bastante doadamente un tratamento válido non só para o SARS 1, senón tamén para os que viñesen despois. O custo da investigación calculouse nuns 200 ou 300 millóns de euros, para o que se necesitaban subvencións públicas; pero non as obtiveron. Os gobernos consideraban que a investigación sobre medicamentos era cousa da industria farmacéutica pero esta pensou, para que preocuparse, se ao terminar a epidemia do SARS 1 non había xa clientes?

 Os responsábeis políticos e o capitalismo neoliberal consideraban que as leis do mercado eran inexorábeis, polo que o arranxarían todo de forma natural. É agora cando eles, e todo o mundo, descubriron o enorme e tráxico erro no que se baseaba esa crenza.

 A actual pandemia, afirma David Harvey, mostrou o erróneo que é concibir a “natureza” como algo independente da cultura, a economía e a vida diaria. Non hai ningún desastre totalmente natural. Os virus mutan todo o tempo, mais as circunstancias que converten unha mutación nunha ameaza para a vida dependen de accións humanas, ao variaren as condicións que favorecen a súa rápida transmisión nos corpos receptores: o modo en que os seres humanos se moven ou esquecen lavar as mans afecta á transmisión de enfermidades.

 A propagación inicial do virus parecía confinarse en efecto en China e en países asiáticos como Corea e Irán. Foi o surto italiano é que desatou a primeira reacción de pánico. Nos Estados do mundo “civilizado” unha política de austeridade baseada nos recortes de impostos e os subsidios aos ricos e ás grandes empresas imposibilitou que se dispuxese do financiamento necesario.

 As multinacionais farmacéuticas (Big Pharma) tiñan pouco ou ningún interese en investigacións sen ánimo de lucro de enfermidades infecciosas: o seu principio é “canto máis doentes haxa, máis diñeiro gañaremos”. En termos de xustiza poética (ou satánica) pode verse a COVID 19 como unha vinganza da natureza polos 40 anos de maltrato a mans do extractivismo neoliberal.

 Ademais, ao propoñerse para logralo os obxectivos de “distanciamento social”, e “autocorentena” ou confinamento, os gobernos suspenderon as interaccións sociais que constitúen a meirande parte do traballo do mundo. Poñer a saúde por riba da economía deu lugar a un xiro notábel do discurso político.

 Até o de agora, falouse do crecemento do PIB, da inflación, da taxa de xuros... indicadores abstractos todos eles da acumulación de capital. Coa pandemia, en cambio, a atención política e mediática centrouse no traballo das enfermeiras, no exceso da súa carga laboral, nos doentes que morren e nos que se recuperan, na situación dos recolledores de lixo e do persoal dos supermercados, no destino das xentes confinadas... Isto é: agora fálasenos dos seres vivos.

 Outra diferenza moi importante, sinala Daniel Tanuro, é que agora estamos falando todo o tempo de mulleres. A división do traballo que eleva a taxa de precariedade do traballo destas moi por riba da dos homes fai que estean predestinadas ao mundo dos coidados e os hospitais, e nel aos oficios de enfermeira, coidadora, limpadora: isto é, a aqueles que están en contacto directo co virus. Erixíronse as encargadas dos coidados e os hospitais nas heroínas desta pandemia, ás que aplaudimos até rompermos as mans ás 20 horas de cada día cunha mestura de agradecemento e de admiración sen límites. Únense a iso os dous mundos da limpeza e os traballos domésticos, onde é habitual a falta de contratación, e onde a falta de papeis das mulleres convérteas nas primeiras vítimas do confinamento.

 Esta pandemia é ademais enormemente moderna: propagouse rapidamente a lombos das comunicacións, sobre todo co transporte aéreo, servíndose da concentración da humanidade en grandes cidades (Wuhan, Nova York, Londres, Barcelona, Madrid).

 Hoxe, todos os políticos se ven obrigados a xestionar a pandemia; dinnos que todos debemos unirnos baixo as autoridades para loitar contra o virus, respectando as instrucións de seguridade, permanecendo confinados, respectando a distancia física. Os epidemiólogos din que iso é necesario, e neles si se pode confiar. Mais a lóxica capitalista-política segue vixiando detrás do pano de fondo do curso dos acontecementos: hai que minimizar o impacto da pandemia no sector produtivo, que é onde se obteñen os beneficios, polo que se envía a traballadores e traballadoras a seguir producindo nos sectores esenciais.

 Para superar a súa crise de lexitimidade, pois a xente xa non cre neles, moitos líderes preséntanse en TV como señores da guerra: a particularidade española consistiu na presenza uniformada de militares de alta graduación na posta en escena dos primeiros comunicados importantes do goberno español sobre a pandemia.

O confinamento como medida sanitaria: os efectos políticos

 Os medios de comunicación e as autoridades fomentan agora o clima de pánico, co que facilitan a limitación de movementos e a suspensión das condicións de vida e traballo en moitas. Iso conduce, segundo Giorgio Agamben, ao estado de excepción como paradigma de goberno, con militarización de concellos e persoas. Esgotado o terrorismo, a epidemia é o pretexto ideal para estender esas restricións. O medo como instrumento de lexitimación do poder ten fondas raíces na teoría política europea: é o medo dos seres humanos a perder a súa vida, di Hobbes, o que lexitima o poder absoluto do Estado- Leviatán.

 A hiper-aceleración das relacións sociais e as agresións á natureza estenderan unha carraxe e un estrés extremo a nivel planetario non só entre os individuos, senón tamén na natureza, en forma aquí de incendios colosais como o de Australia, vagas de calor tórrido, furacáns imprevistos. Veu agora unha pandemia particularmente letal, estaremos ante unha reacción de autodefensa da terra?

 Para nos obrigaren a todos a quedar na casa, dísenos (máis ben ordénasenos) desconfiar das outras persoas e dos nosos propios corpos, evitar tocar as cousas, non abrazarnos coa xente nin estreitarlles as mans. Só a realidade virtual é segura; o movemento libre resérvase para as illas dos super-ricos. Dese modo, non só nos controlan as axencias, senón nós mesmos.

 En Italia, nos últimos 10 anos, recortáronse 31.000 millóns de euros do sistema de saúde pública, reducindo o persoal de coidados intensivos. No Estado español, tras unha longa década de “dereita non compasiva”, os resultados foron arrepiantes. Respecto da xente de idade impúxose a lóxica capitalista de consideralos unha poboación non produtiva que cargaba á Facenda co seu peso. Reducíronse as ambulancias con médicos a bordo e as unidades móbiles de reanimación, concentrándose as vítimas nas “residencias de anciáns”.

 O confinamento aboliu o traballo co que se quere evitar o contaxio? Si, pero precisamente para os menos protexidos ante el, os autónomos, os traballadores temporais, os que atenden os postos na rúa; mais non, até hai moi pouco, os obreiros das grandes fábricas, que deberon traballar moitos deles sen máscaras e uns a carón doutros. Todos coñecemos a polémica que se produciu respecto diso en Euskal Herria, dividindo a dereitas e esquerdas.

 O virus discrimina? Non discrimina entre categorías e clases sociais, pero si trae consigo o peche de fronteiras e o racismo; o que reforza a supremacía branca, a violencia contra as mulleres, así como a explotación capitalista. Finalmente, non é o virus, senón nós, os que discriminamos, adoutrinados polo estatalismo, o racismo, a xenofobia, o machismo e o capitalismo.

 Guerra contra o virus?: Fálase da “guerra contra o virus”, di Santiago López-Petit. Pero guerrear contra que? Contra un organismo do que se discute se está ou non está vivo? É que se guerrea contra os furacáns, contra as treboadas e os seus lóstregos, contra as tempestades mariñas, contra as erupcións volcánicas? A ameaza que virá unha vez que termine a fase álxida do virus é ben outra: prioridade da produción, posta en corentena da vida social e cultural, outorgamento de poderes especiais con creación dun Estado forte (no Estado español, con probábeis fortes doses de militarismo) en nome das secuelas da pandemia. Pero o que iso ocorra ou non dependerá de nós: dos centos de millóns de seres humanos que comprenderon por fin a lóxica desa política, e que dun extremo a outro da terra están dispostos a manter o seu rexeitamento desta.

 Cae o consumismo: o turismo internacional, o cal requiría investimentos masivos de infraestruturas en aeroportos e aeroliñas, hoteis e restaurantes, parques temáticos e actos culturais, está hoxe paralizado, di David Harvey, as liñas aéreas preto da bancarrota e os hoteis baleiros. Os traballadores da economía dos “pequenos encargos” e doutras formas de traballo precario fican na rúa sen medios de sustento. Cancélanse campionatos de fútbol, concertos, congresos de negocios e mesmo reunións políticas con fins electorais. Os ingresos dos gobernos locais fóronse polo buraco; pechan universidades e colexios.

 O que as enfermidades infecciosas non recoñezan clases nin barreiras sociais é en parte certo; pero tamén un mito. Para empezar, a forza de traballo que alimenta a crecente cifra de enfermos está definida no Estado español en termos de xénero; nos Estados Unidos defínese polo xénero, ademais de pola raza e a etnia.

 Os estratos discriminados desta nova “clase traballadora” levan a peor parte: a de soportar o maior risco do virus no seu traballo, ou a de ser despedidos sen recursos, a causa do repregamento económico debido ao virus. A frase “estamos todos xuntos nisto” encobre situacións sinistras: nos EUA, por exemplo, a clase obreira, composta por afroamericanos, hispanos ou mulleres asalariadas, enfróntase ao desagradábel dilema de se contaminar na cidade, atender as tendas de comestíbeis, ou ir ao desemprego.

 Por mor da pandemia, afirma Samir Larabi, millóns de traballadores e traballadoras perderon os seus empregos polos despedimentos e o peche de centros e servizos industriais. A gran pregunta é canto durará isto? Canto máis dure, maior será a depreciación, e máis se elevarán os niveis de desemprego, en ausencia de intervencións masivas que irían contra a tendencia neoliberal.

 En Asia oriental, Hong-Kong, Taiwán e Singapur, así como China, controlaron mellor a pandemia que en Europa. Os Estados de Asia oriental son autoritarios, di Byhung­Chul Han, cunha tradición cultural e social que fai que sexan persoas máis obedientes e confiadas nas autoridades. Para se enfrontar ao virus apóstase pola vixilancia dixital: confían no Big Data como o seu medio primordial de defensa e de salvamento de vidas humanas. Non existe conciencia crítica ante a vixilancia dixital nin se esixe a protección de datos. En China implementouse un sistema de crédito social que permite unha avaliación exhaustiva dos cidadáns, sometendo todos os momentos do día a observación, e quitando puntos a quen cruza co semáforo en vermello ou expresa comentarios críticos sobre o réxime nas redes sociais.

 Hai aquí unha técnica moi eficiente de recoñecemento facial por cámaras de vixilancia que funcionan en espazos públicos, tendas, rúas, estacións e aeroportos. Se alguén sae da estación de Pequín, unha cámara mide a súa temperatura corporal; se esta é preocupante, todos as persoas sentadas no seu vagón reciben unha notificación nos seus teléfonos móbiles. Se alguén vulnera a corentena, un dron diríxese a el e ordénalle volver á casa. Este sistema redefine o concepto de soberanía: é soberano quen dispón de datos.

 En Europa e os Estados Unidos, a pandemia afonda a crise do sistema que comezara en 2008, di Raúl Zibechi. As tendencias son o devalar hexemónico dos EUA, o ascenso do Asia do Pacífico, a fin da globalización neoliberal; mais tamén o reforzamento dos Estados e do seu centralismo, así como o auxe da nova dereita.

 Contrariamente á cohesión da poboación chinesa en torno ao Partido Comunista e ao Estado, a poboación dos EUA divídese de forma irremediábel ante un goberno errático, imperialista e machista. Pero a Unión Europea está aínda peor que os EUA, dos que non soubo despegarse. O financiamento da economía, dependente dunha banca corrupta e ineficiente, fixo da eurozona unha “economía de risco”, obrigada a acompañar no seu devalar aos Estados Unidos.

 En Sudamérica sobre todo desenvolveuse unha crítica radical das consecuencias políticas da pandemia nos países menos desenvolvidos. A crítica de María Galindo diríxese sobre todo contra o confinamento, incompatíbel coas condicións de vida que rexen na maior parte destes países:

- o medo ao contaxio provocou ordes de confinamento que supuxeron a supresión de todas as liberdades, sen dereito a réplica.

- cos confinamentos elimínase o espazo social máis dinámico e vital que é a rúa. Aproveitándose do medo, as casas da xente convértense nos seus cárceres de encerro.

- instálase o dominio do virtual, que obriga a apegarse a unha rede para comunicarse e saber do mundo.

- aquí, os hospitais construídos a comezos do século XX son guetos sen camas de hospital ou moi escasas, onde a curación depende de canto diñeiro tes para pagar uns medicamentos importados e impagábeis.

- o coronavirus entra, mais non polos turistas, senón polos servos e servas do neoliberalismo occidental que son os emigrantes retornados que manteñen o país, quen veñen visitar a estraños aos que chaman fillos, irmáns ou pais con agasallos e corpos infectados.

- o toque de queda prohibe subsistir a quen vive de traballar de noite. En Bolivia, por exemplo, sen industria nin postos de traballo, onde a gran masa sobrevive nas rúas, nin unha soa das medidas proclamadas se axusta ao seu modo de vida.

 A ciencia e os virólogos: É verdade, di Gabriel Markus, que temos que consultar os virólogos; só eles poden axudar a controlar o coronavirus co fin de salvar vidas humanas. Mais a crenza de que os expertos científicos poden solucionar por si mesmos os problemas sociais comúns é un perigoso erro cando non vai acompañada dunha resposta social máis ligada á xente de abaixo que aos capitalistas e políticos que tanto contribuíron á propagación letal de moitos dos desenvolvementos da ciencia.

 Ademais, unha vez superado este virus, proseguirán crises se cadra peores, cuxa continuidade non poderemos impedir; a non ser que impulsemos unha xigantesca e tamén universal resistencia. Contra que? Contra algo que nos afecta a todos: a crise climática, moito máis daniña que calquera virus porque é o produto do lento autoexterminio do ser humano. A conciencia diso, acompañada da solidariedade, espertou da man do coñecemento médico e virolóxico, expresándose no apoio agradecido ao persoal xeneroso de coidados médicos e hospitalarios que está loitando por nos salvar a todos con risco da súa vida, con todos os elementos na súa contra. O peor destes foi o saqueo do benestar, nomeadamente na súa vertente sanitaria, en beneficio de multinacionais, moitas das cales, paradoxo odioso, son precisamente as farmacéuticas.

 A fortísima reacción consistente no estado de excepción (ou de alarma) e o confinamento débese finalmente a que o coronavirus atacou os países enriquecidos; cando se di que “non ten clase” é porque está afectando á clase media mellor situada da parte privilexiada do planeta. Co virus, dinos Patricia Manrique, a Europa desta clase media descubriu a súa propia fraxilidade, así como a situación do “outro”, os “condenados da terra” aos que a pandemia moral lles afecta inexorabelmente sen posibilidade de fuxir dela, aínda que o intenten.

As dúas saídas políticas do túnel: solidariedade ou neoliberalismo telemático

 Podemos imaxinar unha saída á situación actual: redistribución de ingresos, redución da xornada de traballo, fin da inhumanidade cara ao emigrante, aumento radical da contía dos investimentos en investigación, educación, saúde. Podemos saír do illamento con sede de solidariedade, cun gran desexo de abrazar a quen comparte connosco a súa condición de seres humanos. Mais tamén podemos saír agresivos, competitivos, formando grupos tribais xenófobos que odian a canto vén de fóra, manipulados finalmente polo poder reaccionario que vén de arriba.

 Unha epidemia, por non falar dunha pandemia, di Paúl Preciado, permite estender a toda a poboación as medidas de “inmunización política” que foran aplicadas de modo violento (co antecedente dos nazis), aos considerados “estraños”. No territorio do Estado os “estranxeiros” pasan a ser vistos agora como portadores do virus; o mesmo ocorre cos grupos chamados de risco por razón da súa idade. Pero agora eses prexuízos xorden dunha parte da base. A súa manifestación máis visíbel é a da delación contra os infractores do confinamento.

 As estratexias e tecnoloxías biopolíticas contra a COVID-19 dos países do Sur de Europa, Italia, Estado español e Francia, consisten en medidas estritamente disciplinarias centradas no confinamento domiciliario da totalidade da poboación, acompañadas do tratamento dos casos de infección dentro dos enclaves hospitalarios clásicos. Deste xeito, o domicilio persoal non é xa só o lugar de encerro do corpo, senón o centro da economía do teleconsumo e da teleprodución; tende a se configurar agora como un espazo ciber-vixiado, un lugar identificábel nun mapa google, un cadriño recoñecíbel por un dron. As consignas de non poucos presidentes son realmente democráticas?: “Estamos en guerra, non saian da casa, e teletraballen, grazas a que os dispositivos de teletraballo e telecontrol están agora nas nosas mans”. As nosas máquinas portátiles de telecomunicación e os nosos interiores domésticos convertéronse durante o confinamento no antecedente da prisión branda e ultraconectada do futuro.

 Pero isto pode ser unha mala nova ou unha gran oportunidade: pois é agora máis urxente que nunca poñer en marcha novos procesos antagonistas. Estes non poden vir da imposición de fronteiras, senón dunha nova comprensión da comunidade en que somos todos os seres vivos do planeta, e dun novo equilibrio con eles. A curación e a recuperación non poden vir do peche da comunidade; só dun proceso de recuperación democrática e sociopolítica.

 Do mesmo xeito que o virus muta, tamén nós podemos mutar; mais non de forma forzada, senón deliberada. Os gobernos chámannos ao encerro e ao teletraballo; pero en realidade fano á descolectivización e ao telecontrol.

 Utilicemos o tempo de reflexión e a forza que acumulamos no encerro para recuperar as tradicións de resistencia que nos axudaron a sobrevivir até aquí, as cales non virán dos móbiles e de internet.

 Todo iso provoca, segundo Sam Gindin, que o que antes se consideraba “natural” pode comezar a parecelo moito menos. O cambio ideolóxico máis obvio provocado pola crise foi a actitude respecto da atención médica. Comprobouse a incompatibilidade de pedir esta atención para todos e todas mentres se lle aplican tales recortes orzamentarios que non permiten facer fronte ás necesidades; así como o desatino de ver a atención sanitaria como un produto a administrar coa mentalidade comercial da rendibilidade privada. Chegou o momento de pensar nunha visión máis global dos coidados sanitarios.

 Estas medidas deberán estenderse aos inmigrantes (sen papeis) que traballan no campo, así como aos refuxiados, obrigados a abandonaren as súas comunidades debido ás políticas internacionais dos nosos gobernos occidentais. O principio que rexería estas medidas sería “de cada cal segundo a súa capacidade de pagamento, a cada cal segundo as súas necesidades”.

 É obvia a necesidade de antídotos para evitar pandemias como a actual: pero díxose que as compañías farmacéuticas multinacionais non realizarán os investimentos necesarios sen un financiamento público masivo. Pero entón por que non eliminar ese intermediario interesado só nos seus beneficios, poñéndoo en mans públicas no marco dun sistema sanitario acaído?

 A crise sanitaria en particular puxo de manifesto a necesidade do control dos centros fabrís por parte de quen realiza o traballo; cuestión inaprazábel para protexelos dos riscos e sacrificios que fan no noso nome (véxase un caso que nos incumbe aos vascos e vascas, o catastrófico derrubamento de Zaldibar). Os traballadores e traballadoras, en virtude do seu coñecemento directo, poden actuar como gardiáns do interese público. Habería que ir máis lonxe, reclamando a formación institucional de consellos mixtos de traballadores e traballadoras conxuntamente coas súas institucións locais a fin de modificar os programas de reconversión que esixe a nova realidade ambiental de xeito continuo.

 Moita xente quere agora evitar novas pandemias que poderían ser igual ou máis graves que a actual, as cales terán unha mesma orixe: a destrución dos ecosistemas. Hai medidas concretas a tomar: abandonar a agricultura industrial, deter a deforestación, ir substituíndo as megalópoles por cidades máis interconectadas con contornas naturais ou seminaturais. Fai falta auga limpa, á que hoxe non teñen acceso millóns de persoas, e utilizala preferentemente para os seres humanos, máis que para os complexos industriais.

 O ecofeminismo tirou do fío dos coidados, esencial para desenmascarar as prácticas capitalistas. persuadiu a xente da necesidade de dar a máxima prioridade á saúde, o benestar e os coidados. Durante moito tempo os ecosocialistas enfrontáronse coa crenza de que a loita ecolóxica dificultaba o benestar social. Pero agora produciuse un gran cambio respecto diso: a loita polo social e a loita ecolóxica superpóñense, de mans dadas cos coidados.

Pandemia e política: centralismo de Estado vs. a nación posíbel

 A propia xestión da pandemia, afirma David Lazkanoiturburu, que pasa de feito por pechar fronteiras e impoñer estados de excepción, reforza unha visión imperialista no seo dos Estados máis poderosos, en prexuízo da orientación internacionalista que está na base da ONU e da OMS, aínda que estas son por si débiles e sen potestade coercitiva ningunha. A pandemia está servindo máis ben, como estamos vendo en Euskal Herria, para reforzar o centralismo do Estado e das súas institucións militares e armadas como as Forzas Armadas e os Corpos e Forzas de Seguridade, o que fai inútil toda petición de descentralización na toma de decisións.

 Estanse utilizando os aparellos coercitivos do Estado, ademais de para a represión dos infractores do confinamento, en labores sanitarios, o cal non é rexeitábel en principio; hai xa membros destes corpos que perderon a vida en tal labor, e que merecen todo o respecto. Pero a implicación destes corpos en tales tarefas concédelles un plus de lexitimidade, o que reforza o imaxinario da guerra contra quen?, contra os infractores do estado de excepción; e o que é peor, pois non ten lóxica ningunha nesta tesitura sanitaria, contra os que rexeitan a concepción dun Estado centralizado e militarizado.

 Veuse falando nos medios da situación intolerábel dos ultraconfinados por todo o mundo: campos de refuxiados, e de inmigrantes rexeitados nas fronteiras. Pero no noso país coñecemos un colectivo de ultraconfinados de longa duración, nalgúns casos de decenios: o dos presos vascos, que padecen na actual pandemia dous sufrimentos engadidos á extrema dureza do seu réxime carcerario: a opacidade sobre a súa auténtica situación sanitaria; e a imposibilidade dos seus achegados de visitalos debida á estratexia de afastamento da súa contorna natural, en total contradición cos principios penitenciarios básicos.

 A actual situación propicia ademais na opinión pública a actitude negadora das diversas identidades e das diferenzas nacionais existen no interior das fronteiras do Estado, e agrava a visión negativa e estereotipada que dan os medios dalgunhas autoridades autonómicas (véxanse as catalás).

 Esténdese con todo nestes niveis subestatais, como instrumento de loita contra a crise viral, a concepción dunha nación dona de si mesma e das súas propias decisións, pero ao mesmo tempo internacionalista e solidaria, coordinada con todos os distintos niveis de decisión, e porosa ante as novas e imprescindíbeis tarefas que esixe a eliminación desta pandemia e das que poidan vir nun futuro; pois finalmente esta non é misión específica de ningún Estado nin de ningunha organización supraestatal específica, senón de cantos formamos a raza humana.

 Que pode ocorrer tras a desescalada da pandemia? Poderiamos vivir baixo algo que conxugue o peor do mundo vello, a militarización, o estatismo, o racismo institucionalizado, a marxinación das xentes humildes (mais tamén a súa xenofobia, nun mecanismo ben coñecido desde os tempos nazis), co peor do mundo novo: un xeración de homes e mulleres telematizados medorentos de todo contacto humano, moral ou físico, pois todos, recluídos en mostra propia auto-cárcere, podemos ser “portadores” do virus, moral ou físico.

 

Pero tamén pode saír outro mundo, o cal, utilizando ao seu favor os actuais disfraces anticapitalistas do vello, e apoiándose sobre todo na vaga de solidariedade humana levantada polo heroísmo, tan obrigado como auténtico, dun persoal sanitario maioritariamente feminino, avogue por todas as causas que asumen o rexeitamento do inaceptábel, converténdoas nun sentimento cálido de pertencer á común raza humana aliado a un novo modo de pensar a natureza, o social e o político. Todo dependerá de nós.

____________________________________________________________________________________

Nota:

Este traballo é un resumo dun artigo publicado, xunto aos de 20 pensadores/pensadoras vascos/as aparecidos na publicación en liña Pandemia eta Gu,  a cal está pensada para se tivese un acceso gratuíto a ela non só no noso país, senón por todos/as as interesadas no tema. Éntrase nela coa dirección de Google pandemiaetagu.eus (A portada da obra en liña foi deseñada polo excelente pintor Jose Luis Zumeta, quen nola entregou poucas horas antes de morrer: exemplo abraiante de xenerosidade absoluta e de calidade humana insuperábel).

 Foron unha axuda indispensábel para este artigo as fontes utilizadas consistentes na espléndida obra colectiva que é “A sopa de Wuhan, pensamento contemporáneo en tempos de pandemia”, @pabloamadeo.editor, os boletíns semanais da revista Viento Sur, en especial o da semana 14- 20 de abril, e algún artigo do xornal Gara.

____________________________________________________________________________________

 

[Artigo tirado do sitio web Viento Sur, do 22 de maio de 2020]