Decembro remata cunha nova suba do desemprego, aumento da temporalidade e baixada da afiliación á Seguridade Social

Máis da metade das persoas desempregadas non cobra ningún tipo de prestación

Compostela -

De novo sobe o paro en decembro en Galiza, increméntase a temporalidade, descenden as afiliacións á Seguridade Social e aumenta o risco de exclusión social. Un final de ano que non convida ao optimismo, con 3.650 persoas desempregadas máis que no mes de novembro (1,62% máis), o que dá un total de 228.808 parados/as rexistrados/as.

Os datos de paro rexistrado en Galiza contrastan cos do conxunto do Estado español, onde se produciu un novo descenso e novamente nos sitúan no segundo posto, pola cola, en aumento do paro, só por detrás de Nafarroa.

O secretario confederal de Emprego e Industria, Miguel Malvido, sinala que o resto dos indicadores non son mellores e chama a atención sobre o feito de que “nun contexto no que se nos repite constantemente que hai unha reactivación económica en nun mes no que tradicionalmente sobe a contratación nun sector como o de Servizos, tamén aquí houbo un incremento”.

E é que o paro medrou en todos os sectores, incluído Servizos, pero sobre todo en Construción, onde subiu en 2.095 desempregados/as e en Industria, onde o incremento foi de 1.318 desempregos/as máis.

A este respecto Malvido matiza que “se ben poderiamos considerar estacional o incremento do paro no sector da Construción, sobre todo polas condicións climatolóxicas galegas que, en todo caso, este ano non se deron, é alarmante o medre do desemprego nun sector como o de Industria”.

Lembra que “lonxe da propaganda do goberno galego o sector Industrial atravesa unha grave crise” e subliña que este é precisamente o sector con máis capacidade de crear emprego estrutural e de calidade. Atribúe esta situación ás “nefastas” políticas económicas e laborais do PP á fronte da Xunta de Galiza e exixe o inmediato deseño e posta en marcha dun Plan galego de política industrial que permita reverter esta situación.

Temporalidade

Neste sentido denuncia que só o 6,4% dos contratos asinados foron indefinidos, dun total de 68.646, o que dá idea da altísima temporalidade e precariedade do noso mercado laboral. “O número de contratos asinados, que ademais se incrementou respecto do mes de novembro, constatan a cada vez maior rotación da contratación”.

Responsabiliza desta situación á unha reforma laboral que “provocou unha perda de dereitos sen precedentes da clase traballadora, co obxectivo de pór a disposición da patronal man de obra barata” e ás políticas económicas do goberno, que abandonaron á súa sorte os sectores produtivos.

Para o secretario confederal de Emprego tamén é especialmente preocupante o descenso en 3.008 afiliacións á Seguridade Social respecto do mes de novembro, mentres que se produciu un incremento no conxunto do Estado e “gravísimo” que sigan sen se deseñar políticas sociais que permitan minimizar o risco de exclusión social dos desempregados/as que a esta altura xa non cobran ningún de prestación. Un total de 110.815, que representan o 51,8% -máis da metade-  do conxunto de desempregados/as.

Volver