Declarado nulo o despedimento por querer presentarse pola CIG nas eleccións sindicais en Freire

A empresa presentáralle unha carta de despedimento por baixo rendemento

Compostela -

O Xulgado do Social de Santiago vén de declarar nulo o despedimento dun traballador que pretendía presentarse pola CIG nas eleccións sindicais en Empresa Freire. A xuíza considera probado que, aínda que a empresa aduciu na carta de despedimento que era por motivos laborais, tratouse dunha clara represalia por querer ser o candidato da CIG nas eleccións sindicais. As eleccións mantivéronse igualmente con un candidato, este si tolerado pola empresa, da UGT e que resultou elixido.

Noutro procedemento un xulgado de Lugo xa tiña anulado esas eleccións por impedir á CIG e aos traballadores/as acceder ao censo electoral e porque a empresa manipulou as eleccións para favorecer ao candidato da UGT, mentres o da CIG era despedido.

O procedemento alongouse máis do previsto polas sucesivas trabas e impedimentos que o empresario Gaspar Freire, puxo durante todo o proceso, motivo polo que foi advertido tanto pola xuíza como polo fiscal, que tamén apoiou a tese de que o despedimento era unha represalia por ser candidato da CIG e tamén solicitou a nulidade, que agora a sentenza ven de confirmar.

Readmisión

A sentenza condena a Empresa Freire a pagar ao traballador todos os salarios desde o despedimento, en febreiro de 2020; unha indemnización de 6.250 euros por danos e prexuízos e a readmitilo no seu posto de traballo, na liña do aeroporto de Santiago.

Esta parte da sentenza non poderá cumprirse neste momento, denuncia a CIG "porque é precisamente esa a liña que o Concello de Santiago entregou ao Grupo Monbus en decembro de 2020 e na que, irregularmente, non contemplou a subrogación dos traballadores e traballadoras, o que mantén un conflito aberto coa empresa e máis co concello, principal responsábel desta desfeita".

Xa se ten presentado demanda contra o Grupo Monbus para a readmisión do traballador nesta liña, que como os outros 8 conductores e conductoras, debería de estar prestando servizos nesta liña do aeroporto.

Volver