Delegadas da CIG de SAF péchanse na consellaría de Política Social por un convenio digno
Delegadas da CIG dos Servizos de Axuda no Fogar pecháronse esta mañá na consellaría de Política Social en demanda de que se negocie xa o convenio colectivo do sector e para exixir que o servizo sexa integramente público.
As traballadoras dos Servizos de Axuda no Fogar levan máis de 12 anos reclamando un convenio digno. O último intento de negociación rematou sen resultados porque a patronal pretendía, entre outras cuestións, eludir a regulación da xornada, suprimir a revisión salarial e manter en porcentaxes ínfimas o prezo da quilometraxe.
Durante estes anos os incrementos salariais que tiveron, que cualifican de irrisorios, foron grazas ao IPC. Salarios que, coas poucas horas de xornada que teñen a maioría das traballadoras, non lles permiten chegar a fin de mes.
As traballadoras denuncian ademais que, malia ser o SAF un servizo esencial para a comunidade, é un dos traballos máis precarizados e feminizados que existen e que padecen desde hai anos os abusos das empresas concesionarias.
Nese sentido, subliñan que os concellos teñen a obriga de exixir ás empresas que licitan coa administración o cumprimento dos dereitos das traballadoras, máis cando reciben cartos públicos.
Por iso reclaman que o servizo sexa público, para garantir as mellores condicións na súa prestación, mais tamén para que as traballadoras teñan unhas mellores condicións laborais, que lles permitan seguir facendo o seu traballo de atención ás persoas dignamente.
Emprazamento a unha xuntanza coa Dirección Xeral
Segundo explica a secretaria nacional de CIG-Servizos, Transi Fernández, despois de facer o peche na consellaría, comunicouse a través da secretaria da Directora Xeral que parte das súas reivindicacións serán trasladadas á consellaría de Emprego e Igualdade pero que o tema de ratios ten que ser abordado coa Dirección Xeral. “Convidóusenos a enviar un correo electrónico o máis axiña posíbel para solicitar esa xuntanza e falar das ratios, que é unha das cuestións máis relevantes dado que os concellos seguen a estirar os orzamentos e non pagar o salario/hora tal e como marca o convenio colectivo e que define o prezo/hora”, subliña Fernández.