Delegadas/os da CIG esixen un reforzo de persoal para afrontar "a brutal carga de traballo" nos supermercados

A central mobilizouse en tendas de Gadis, Froiz, Eroski e Mercadona da comarca da Coruña
A Coruña - 11 Dec 2020

A CIG-Servizos desenvolveu este venres unha xornada de mobilizacións diante de distintos supermercados de Gadis, Froiz, Eroski e Mercadona da comarca da Coruña para esixir un reforzo dos cadros de persoal e poder afrontar así a "insoportábel sobrecarga de traballo" que se rexistra no sector dende o inicio da pandemia, agravada agora coas vendas do nadal, e que afonda nas xa precarias condicións laborais que arrastra o sector. As protestas terán continuidade os días 16 e 22 de decembro nas comarcas de Ferrolterra e Santiago.

A CIG-Servizos denuncia que a pesar do inmenso beneficio que están obtendo este ano as cadeas de alimentación e de que as traballadoras e traballadores do sector teñen consideración de esenciais, "as empresas en ningún momento garantiron un número suficiente de persoal nas tendas para atender como deberíamos esta gran responsabilidade. Tampouco tivemos acceso a formación axeitada, nin equipos de protección eficaces en todo momento, nin protocolos que se aplicasen correctamente ante o risco ao que estamos hiperexpostas", subliña María López, delegada da CIG no sector.

A representante sindical destaca que o persoal do comercio de alimentación ten cinco veces máis posibilidades de contaxiarse de Covid-19 pola contacto continuado coa clientela e ademais os aforos dos establecementos desbórdanse continuamente "pero as empresas non fan absolutamente nada por solucionalo".

López critica que as empresas estean "escamoteando na contratación de novo persoal só para acumular máis ganancia", mentres as traballadoras e os traballadores teñen que facer "xornadas infinitas, con horarios alterados constantemente, descansos moitas veces inexistentes e soportando o brutal incremento do volume de funcións".

Un esforzo, engade María López, que afecta directamente á saúde física e psicolóxica das traballadoras, mais que tampouco se ve recompensado cunha mellora salarial "xa que as empresas queren todo o beneficio para elas".

Por iso, nas protestas deste venres lanzouse unha chamada á clientela para que apoien as reivindicacións do persoal "e se visibilice o noso sufrimento, deixen de seguir someténdonos a condicións laborais abusivas e que as empresas contraten o persoal de reforzo suficiente. Non cobramos de acordo o esforzo que facemos pero polo menos non queremos ter que perder a saúde no traballo".

Por un convenio digno no sector

Con estas mobilizacións tamén se quere reivindicar un convenio de alimentación digno e que recolla melloras salariais e laborais, posto que no novo convenio provincial a patronal negouse a introducir ningunha mellora nas categorías e grupos profesionais, establecer descansos de fin de semana reais, establecer xornadas continuadas, rebaixar a xornada anula, reforzar a contratación indefinida, mellorar as vacacións ou incluír melloras salariais dignas de tal nome.

Para a negociación deste convenio, polo que se rexen grandes empresas como Gadis ou Froiz, acordárase unha plataforma reivindicativa conxunta que finalmente UGT e USO abandonaron para asumir a proposta da patronal.