Delegadas/os da CIG nos centros de chamadas mobilízanse contra a precarización laboral

Reclaman, fronte as pretensións da patronal, que se negocie un convenio digno
Compostela - 15 Mar 2022

Delegadas e delegados da CIG nos centros de chamadas mobilizáronse esta mañá en Compostela contra a pretensión da patronal de precarizar aínda máis as súas condicións laborais e en demanda dun convenio digno. Denuncian a falta de avances na mesa de negociación do convenio, caducado dende decembro de 2019.

A negociación do convenio de centros de chamadas está paralizada. A patronal pretende recortar o actual, xa precario, que ten provocado unha perda progresiva do poder adquisitivo das traballadoras e traballadores ao aplicárenlles índices de IPC negativos, en lugar das subas pactadas.

Tal é así que a CIG calcula que os cartos perdidos polo persoal en 11 anos, a causa das míseras condicións do convenio, ascenden a máis de 10.000 euros, nun sector no que os salarios están a piques de ser superados polo SMI. Unha precariedade que non só afecta ás retribucións, senón tamén ás elevadísimas taxas de temporalidade, ás dificultades para conciliar, á clasificación profesional inadecuada e obsoleta, á distribución irregular da xornada ou a que boa parte dos contratos son a tempo parcial.

Teletraballo en precario

A isto habería que sumarlle, os gastos xerados polo teletraballo, imposto ás presas polas empresas ao inicio da pandemia sen garantir ningún dereito e mesmo tendo os traballadores e as traballadoras que pór os propios seus equipos informáticos, teléfonos e a conexión a internet para poder realizar o traballo.

Pero a patronal négase a negociar unhas condicións dignas para esta modalidade e nin sequera compensa xustamente o persoal polos gastos que lle xera o teletraballo, amosando a súa avaricia infinita. É máis, a patronal utiliza o teletraballo como premio ou castigo en función dos resultados, “despedindo sen miramentos a quen non cumpra os obxectivos marcados”.