Delegadas/os da CIG volven concentrarse na Inspección de Traballo para pedir a paralización da actividade nun Zara en obras

Critican que malia os riscos e as dúas demandas presentadas, aínda non se realizou ningunha actuación
A Coruña - 05 Abr 2021

Delegadas e delegados da CIG no comité de Zara volvéronse concentrar na mañá deste luns na Inspección de Traballo da Coruña ante o deixamento do organismo e reclamarlle que actúe ante as reiteradas demandas realizadas por mor do incumprimento da Lei de Prevención de Riscos Laborais ao se manter a actividade normal na tenda de Zara da rúa Compostela ao tempo que se desenvolven obras de remodelación no establecemento.

Lembran que o pasado 1 de febreiro comezaron unhas obras que, segundo a empresa ían limitarse a unha pequena reforma por fases, cando na realidade "non é unha obra menor senón unha reforma integral da tenda". Diante disto, dende a representación social solicitouse en varias ocasións á empresa que pechara a tenda mentres durasen estes traballos para evitar as situacións de riscos que se están a dar tanto para o persoal como para a clientela.

"As traballadoras/es da tenda e a clientela coinciden co persoal da empresa de construción soportando niveis de ruído moi elevados, po, os cheiros a pintura e outros inconvenientes que fan insoportábel o desenvolvemento normal da actividade, pois mesmo a roupa que se vende está chea de po", subliña Carmina Naveiro, presidenta do comité provincial de Zara e secretaria de Acción Sindical da CIG-Servizos.

Porén, a empresa desatendeu a solicitude, "polo que nos diriximos á Inspección de Traballo, en dúas ocasións, para que fixera unha actuación inspectora e paralizara a actividade da tenda. Achegámoslle información e documentación do que está a pasar, e incluso un vídeo no que se ve como se está utilizando unha radial para cortar a pedra nunha área de descanso do persoal, xerando po e ruído. E remitimos tamén imaxes nas que se ve como os operarios da construtora pasan coas pedras e a maquinaria polo medio das traballadoras/es e das clientas", engade Naveiro.

Para a representante do persoal resulta "sangrante que unha empresa como Inditex  diga que non sabe como se están desenvolvendo as obras e que descoñece que as áreas de descanso están ocupadas polos operarios, malia que lle achegamos imaxes de todo isto".

Lembra que até hai nada Inditex impoñía quendas estanco para evitar posíbeis contaxios por Covid19, o que provocou perdas nos salarios para as traballadoras con redución de xornada, mentres que agora non adopta medida algunha cando ese mesmo risco persiste e a el súmanse ademais todos os derivados de traballar en medio dunha obra de construción desta envergadura. “Clama ao ceo que para Inditex primen as vendas e manteña a tenda aberta para poñela bonita fronte á seguridade, a saúde e a integridade do seu persoal”, di a presidenta do comité.

Neste senso, Naveiro reitera que hai concorrencia de actividades "e ante a desprotección á que estamos sometidas as traballadoras dese centro vimos aquí novamente denunciar o deixamento de funcións da Inspección, pois día de hoxe descoñecemos se se fixo algunha actuación inspectora".

Ao remate da protesta diante da Inspección,  as delegadas e delegados da CIG trasladaron a concentración á tenda de Zara que está en obras para demandar da empresa que garanta a saúde e a seguridade do seu persoal e da clientela.