Delegados/as da CIG claman por unha solución para a crise do naval vigués

Varios centos de traballadores/as e representantes sindicais percorreron as rúas de Vigo en manifestación

Vigo -

A CIG desenvolveu hoxe unha nova mobilización coincidindo con outra xornada de paro de catro horas en Barreras para reclamar unha solución á grave crise que atravesa o naval vigués. Varios centos de delegados/as percorreron as rúas de Vigo en manifestación dende as instalacións do estaleiro até a delegación da Xunta, onde o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, incidiu en que a central continuará a mobilizarse para demandar medidas que evitar a desaparición de sectores chave da nosa economía.

Carril, fixo fincapé en que a situación de Barreras é o exemplo da grave crise industrial que está a atravesar Galiza e lembrou que a problemática que padece o estaleiro é consecuencia dunha “pésima xestión empresarial” pero tamén da pasividade por parte da Xunta.

Ao mesmo tempo, denunciou a falta dun plan de viabilidade que garanta o futuro do estaleiro e o mantemento da actividade industrial e de todos os postos de traballo. “É preciso intervir para tanto Barreras como Vulcano volvan ser exemplo de creación de emprego no naval galego”, indicou.

Calendario de protestas

O secretario xeral da CIG asegurou que para isto é necesario que en calquera decisión ou medida que se adopte ten que tomar parte activa a Xunta, e apostou por que a empresa sexa incorporada ou participada polo sector público.

Finalmente, anunciou que a central continuará co seu calendario de mobilizacións para reclamar medidas orientadas a rematar coa crise industrial e para sinalar os responsábeis políticos do que está a acontecer. “Non podemos permitir que se siga a destruír emprego e que desaparezan sectores chave da nosa economía”, rematou.

Volver