Delegados e delegadas do sector TIC acordan a estratexia sindical para os vindeiros meses

Reuníronse este xoves na sede da CIG en Compostela
Nacional - 20 Set 2019

Delegados e delegadas da CIG do sector TIC da Coruña, Vigo e Compostela –de Lugo non puideron asistir-  celebraron unha nova xuntanza nacional no local da CIG de Compostela, este xoves, 19 de setembro, para pór en común a estratexia sindical a desenvolver estes próximos meses, tanto a nivel nacional e comarcal como en cada unha das empresas nas que a CIG-TIC ten representación sindical.

A reunión estivo marcada pola activa participación dos compañeiros e compañeiras asistentes, que foron tratando os diversos temas que compoñían a orde do día, desde o teletraballo no sector, á implementación do rexistro de xornada, as consecuencias derivadas en cada empresa e situación actual.

Reforzada a situación de ser a CIG a primeira forza sindical do sector das TIC no país, e valorando como moi positivo o traballo realizado até o de agora por cada sección sindical, delegados/as e afiliados e afiliadas do sindicato nacionalista, tratouse tamén durante as tres horas de intervencións o tema das eleccións sindicais e da comunicación dentro do sector da actividade sindical.

Marcha do convenio

Asemade informouse ás e aos asistentes da marcha actual do convenio galego TIC e do proceso en marcha deste. Proceso iniciado pola central sindical hai anos cunha serie de mobilizacións e peticións ás partes implicadas de reunións de traballo que se agarda sexan retomadas en breve despois do parón estival.

Seguindo o plan de traballo esbozado na reunión, prevese ir realizando xuntanzas durante as vindeiras semanas a nivel comarcal e/ou por empresa para ir despregando partes dos temas indicados na xuntanza e outros aspectos máis específicos de cada centro de traballo.