Denuncian a contratación de persoal médico sen especialidade na Atención Primaria da área de Vigo
A CIG-Saúde tivo coñecemento de que o Sergas está a contratar nas últimas semanas persoal médico sen especialidade de Medicina Familiar e Comunitaria para centros da área sanitaria de Vigo, polo que xa lle remitiu un escrito á Xerencia trasladando a súa preocupación e solicitando que as persoas que presten servizos no ámbito asistencial cumpran coas exixencias de titulación de Especialista en Medicina de Familia e Comunitaria.
Dende a central sindical lembran que desde o ano 1995 para traballar nun centro de saúde o persoal médico ten que cumprir cunha formación adicional de catro anos de MIR, “fundamental para o desenvolvemento da profesión xa que capacita as profesionais que desenvolven traballos neste eido”.
A contratación de profesionais médicos que non cumpren os criterios formativos supón un “agravio” co persoal que ten a formación MIR, así como unha diferencia na formación específica que non asegura a asistencia coas competencias necesarias. “Esta situación supón ademais desvalorizar a Especialidade de Familiar e Comunitaria e precarizar as condicións de traballo”, denuncian.
Neste senso, fan fincapé na fuga de especialistas a outras áreas sanitarias que se está a producir nos últimos tempo polas malas condicións de traballo que existen na Atención Primaria e a aplicación das taxas de reposición nun momento en que se prevían gran número de xubilacións e un gran recambio xeracional. Así mesmo, máis recentemente a área sanitaria quedou en saldo negativo nos procesos de OPE que supuxo o éxodo obrigado de profesionais, “evidenciando unha falta de previsión de recursos humanos”.
Polo que dende a CIG-Saúde esixen, por unha banda, que o Sergas reverta esta situación e que non se contrate persoal sen especialidade para o ámbito asistencial e, pola outra, que se asegure que este traballo sexa desenvolvido por persoal coa titulación esixida.