Denuncian o abandono no que se atopa o persoal das residencias de maiores privadas de Ferrolterra

CIG-Servizos esixe que adopten as medidas protección necesarias
Ferrol - 07 Abr 2020

A CIG-Servizos denuncia a situación "de abandono" na que se atopa o persoal das residencias privadas da terceira idade na comarca, ante a pasividade da Xunta "pois está a facer oídos xordos ante as demandas que se lle están a formular e que afectan tanto ao persoal como aos usuarios usuarias dos centros, xa que están expostos a un grave risco polo contaxio do COVID-19 dende o comezo da emerxencia sanitaria".

A responsábel do sector das residencias privadas da terceira idade na CIG de Ferrol denuncia que a  falla de test para facer as probas ás traballadoras e aos traballadores que estiveron en contacto co coronavirus, "fai que esas persoas teñan que seguir traballando, co conseguinte risco para a saúde, tanto do persoal coma das persoas residentes".

Una situación que provoca ademais que "o persoal destes centros estea a sufrir unha exposición innecesaria ao propio risco biolóxico pero tamén, unha situación de estrés emocional e ansiedade ao verse expostos a un risco grave e descoñecido ante o que se senten totalmente vulnerábeis".

Así mesmo, dende o colectivo subliñan que o persoal dos centros privados de maiores, “non somos traballadoras e traballadores de segunda, somos persoal sanitario e esiximos aos responsables da Xunta dispor das medidas de protección necesarias para realizar o noso traballo coas garantías suficientes".

Táboa reivindicativa da CIG para as residencias

Consulta nesta nova a táboa reivindicativa elaborada pola CIG-Administración Autonómica e a CIG-Servizospara abordar a grave situación que se está a dar nos centros de maiores en Galiza públicos e privados.