Denuncian o colapso permanente do servizo de urxencias do Hospital da Coruña

A Comisión de Centro de Atención Hospitalaria demanda a apertura de todas as camas dispoñibles
A Coruña - 15 Nov 2021

A Comisión de Centro de Atención Hospitalaria do Hospital da Coruña denuncia a "permanente situación de colapso" que padece o servizo de urxencias, no que de forma continuada "as e os pacientes permanecen amoreados nos corredores". Critican que a Xerencia teña "normalizado" que os/as doentes estean dispostos/as nos corredores e que se continúe sen dotar o servizo do persoal de enfermería suficiente para prestar unha atención adecuada.

"O aumento de pacientes no servizo non vai ligado ao aumento de profesionais, o que provoca sobrecarga física e psíquica destes, incidindo directamente na súa saúde e incluso na calidade asistencial prestada", subliña a presidenta da Comisión, Lucía Peón Soutiño (CIG).

Neste senso, apunta que nunha situación de normalidade a dotación do persoal de enfermería das urxencias xa resulta escasa, "algo que esta Comisión de Centro vén demandando en múltiples reunións coa Xerencia, sen acadar resultado. E non só non se aumenta persoal, senón que cando aumenta a afluencia de pacientes, a Xerencia non reforza o servizo cas/os profesionais necesarios".

Xunto a isto, a Comisión critica a mala xestión por parte da Xerencia nas contratacións, que leva a unha escaseza de profesionais "que implica que o propio persoal do servizo renuncie ás súas libranzas para poder dar a atención oportuna".

E mentres isto acontece,  engaden, continúa pechada unha unidade de medicina interna no hospital Abente e Lago, o que supón 25 camas máis "que poderían estar dispoñibles e aliviar un pouco a sobrecarga de urxencias".

Por iso, a Comisión de Centro esíxelle á Xerencia a apertura de todas as camas de hospitalización dispoñibles, así como que "se incremente o persoal de enfermería do servizo de urxencias do HUAC de xeito inmediato e estable, xa que estamos ante un problema crónico".