Denuncian un novo desvío de cartos públicos do Sergas cara a empresas privadas na área de Ferrol
A federación de Saúde da CIG denuncia que na Área Sanitaria de Ferrol estase a obrigar o persoal técnico de farmacia a preparar a medicación para o xeriátrico de Laraxe dun xeito diferenciado ao do resto, o que supón un novo desvío de cartos públicos a empresas privadas “co que neste caso que se lles aforra ter que facer máis contratacións”.
Segundo detallan dende a central sindical, a este centro envíaselle a medicación diferenciada por paciente e día, “e até diferenciando almorzo, comida e cea”, cando ao resto de xeriátricos envíaselles toda a medicación xunta para a semana. Logo cada centro ten que encargarse de prepararlla ás persoas usuarias.
“Isto supón que o Sergas está a utilizar cartos públicos para facerlle o traballo a unha empresa privada, Domus Vi, algo que non se fai por exemplo cun centro público como é a Residencia Mixta de Maiores de Caranza”. Netse centro, por exemplo, a medicación vai en monodose para 24 horas, “e logo o persoal de enfermaría ten que dividilo para as diferentes tomas”.
Dende a CIG-Saúde sosteñen que estas prácticas acontecen dende hai anos, “e cando reclamamos recibimos por toda resposta que o queren amañar, pero o certo é que seguimos facéndolle o traballo a unha empresa privada a pesar de que a carga laboral do persoal sanitario é maior cada día”.