Denuncian que o Concello de Ponteareas se nega a abonar os pluses de penosidade e perigosidade ao seu persoal

O comité de empresa lembra que o seu pago, pendente dende xaneiro de 2020, está recollido no convenio
Ponteareas - 05 Abr 2021

A representación do cadro de persoal do Concello de Ponteareas denuncia que o Goberno local se nega a abonar os complementos de penosidade e perigosidade pactados en convenio que están pendentes dende xaneiro de 2020. 

O acordo quedou en papel mollado porque se negan a cumprir o asinado

Dende o comité de empresa critican que as autoridades municipais “fagan alarde de súa prepotencia e da falta de espírito negociador burlándose, cunha total falta de consideración, dos traballadores/as e dos representantes sindicais”. E lembran que o pago destes pluses están recollidos no convenio aprobado polo actual Goberno na súa primeira lexislatura, “convenio do que presumen porque os gobernos anteriores non foran quen de pactalo, pero que quedou en papel mollado porque incumpren o que asinaron”.

Diante disto, o comité de empresa, por acordo unánime dos catro sindicatos con representación, leva solicitando o pago dos complementos de penosidade e perigosidade dende xaneiro do 2020, “pero o Goberno local leva o mesmo tempo intentando enfrontar entre si aos sindicatos e manipulando para non aboar ditos complementos”.

Censuran que o Concello se xacte mediante notas de prensa da súa xestión económica. “Pero o que non din e que os traballadores/as están a desenvolver o seu labor en condicións inadecuadas (demoras nas entregas de EPI, escasas medidas de protección, etc) e sen ser retribuídos/as coas cantidades que lles corresponden”.

Ao mesmo tempo, lamentan que ao persoal do servizo de cociña da residencia Santa Ana tamén se lle estea a negar o plus covid, gratificación para recoñecer o labor dos profesionais desta residencia ante a pandemia do coronavirus. “Este Goberno ten o descaro de solicitarnos nunha reunión oficial que nos apertemos o cinto para axudar a pasar a mala situación económica do Concello (“que non pidamos o que nos corresponde”) e insultado a un delegado cando di que os primeiros en apertar o cinto deberan de ser eles/as, que son quen xestionan as finanzas municipais”.

Órgano externo

Ademais, rexeitan que cando un delegado sindical lles lembra que un concelleiro/a só por acudir a un pleno ao mes e ás comisións de goberno “leva para a casa case que o mesmo salario que un traballador/a que ten que estar picando nunha gabia durante todo un mes, este Goberno reacciona increpando e insultando ao delegado”. 

O comité solicitou a intervención dun órgano externo co fin de rematar coas disputas entre o Goberno e os sindicatos

Por iso entenden que xa non é posíbel chegar a acordos, nin incluso negociar e mesmo falar, polo que o comité de empresa solicitou a intervención dun órgano externo co fin de rematar coas disputas entre o Goberno e os sindicatos. “Entón entraron en pánico e botaron por terra a credibilidade dun traballador con tal de seguir prolongando a falta de pagamento e de anular unha mesa paritaria unha hora antes de que se celebrase”.

O Goberno local destituíu a un secretario dunha mesa de negociación “porque non pon na acta o que eles/elas queren ou porque, segundo din, non fai ben o seu traballo (desconvocar a mesa)”. Diante disto, queren deixar claro que as persoas que fan parte do comité de empresa do Concello de Ponteareas xa non van tolerar máis agravios “dun Goberno que leva sempre as cousas a correr, a última hora, terxiversando, mentindo e ignorando a todos/as os traballadores/as; non imos permitir que pasen por riba dos dereitos do persoal deste Concello”, rematan.