Denuncian que o PP votou en contra de instalar unha base medicalizada do 061 no distrito sanitario valdeorrés

Tamén se opuxo á construción dun centro de saúde e a crear unha unidade de pneumoloxía e silicose
Valdeorras - 17 Dec 2021

A federación de Saúde da CIG de Valdeorras denuncia que o PP rexeitou hoxe na comisión de orzamentos do Parlamento galego a creación dunha base medicalizada do 061 no distrito sanitario, a construción do novo centro de saúde da Rúa o ano que vén, así como dotar o hospital valdeorrés dunha unidade de pneumoloxía e silicose e a cubrir as prazas de radioloxía que se precisan na comarca.

Dende a central sindical lembran que a creación dunha base medicalizada do 061 no distrito sanitario de Valdeorras, para dar apoio aos traslados urxentes de pacientes cara a Ourense e atender posíbeis accidentes graves nas estradas e canteiras, era unha das principais reivindicacións das mobilizacións celebradas a diario dende hai meses diante do hospital de Valdeorras e da posterior manifestación multitudinaria celebrada no Barco. 

A CIG-Saúde amosa o seu "desconcerto, repulsa e indignación"

Por iso amosan “o noso desconcerto, repulsa e indignación ante a nova mostra de desprezo coa que o PP afronta ás xentes e territorios deste distrito sanitario” e sosteñen que tanto as vistas do conselleiro de Sanidade como todas as declaracións dos directivos/as sanitarios/as e dos alcaldes/as deste partido “foron, como de costume, só mentiras e postureo para enganar á cidadanía e evitar a xusta reivindicación colectiva”.

Finalmente, lamentan que deste xeito o distrito sanitario de Valdeorras “volve ser abandonado, as nosas xentes ignoradas e as nosas comarcas desprezadas”.