Descende o paro só entre as mulleres, con contratos en precario no sector Servizos

A CIG urxe derrogar as reformas laborais para frear o empobrecemento da clase traballadora
Nacional - 03 Nov 2022

Os datos de paro rexistrado que vén de facer públicos o SEPE confirman a tendencia que xa se viña avanzando nos últimos meses: en Galiza o descenso do desemprego é moito menor que no resto do Estado. E non só iso, mesmo nas provincias do interior o paro aumenta. Unha situación que para o secretario confederal de Emprego, Francisco González Sío “é síntoma de que se remata a época do turismo e de vivir do Camiño de Santiago”.

Foi o descenso do desemprego feminino, basicamente no sector Servizos -onde a precariedade campa ás súas anchas-, o que levou a que en outubro o número de persoas inscritas como desempregadas no SEPE en Galiza se sitúe en 143.720, un 0,27% menos que no mes anterior (-389), acadando as 143.720.

Todo o medre do desemprego afectou á poboación masculina, descendendo pois entre as mulleres nun 0,97%, que representan, a pesar disto, o 58,3% das persoas rexistradas como desempregadas.

As persoas afiliadas á seguridade Social en alta laboral descenderon en 462 en Galiza. Un mes máis no que se rexistra un desaxuste entre ambos indicadores. Así as cousas, foron 1.048.700 as persoas que, de media, estiveron en alta no mes de outubro.

Entre as persoas sen emprego anterior, hai 573 máis apuntadas como desempregas no SEPE en outubro. Xunto a este colectivo, é entre a poboación máis nova, menores de 25 anos, onde máis medra o desemprego.

Para o secretario confederal de Emprego, este incremento entre estes colectivos “ten que ver moito con ese traballo de carácter precario que se crea nestes meses e que fai que sigamos a ser quen temos a maior taxa de paro de Europa”. Nese sentido apunta que “o sistema, no momento no que hai unha baixada de actividade, teña uns axustes sempre nas capas máis febles da clase traballadora”.

Contratación precaria

Respecto da contratación, González Sío considera que o máis relevante é que houbo un descenso importante respecto de outubro de 2021, 19.000 contratos menos. Apunta que isto seguramente teña que ver coa cantidade de contratos fixos que se fixeron nestes meses. Porén matiza que “se imos polo miúdo, vemos que os contratos eventuais que se fixeron por causas de produción son o groso da contratación temporal e mesmo son máis que nos meses de marzo e abril ou maio deste mesmo ano”.

Canto á contratación indefinida, o secretario confederal de Emprego salienta como, por vez primeira, os contratos fixos descontinuos superaron os contratos fixos a tempo completo e como “os contratos fixos descontinuos a tempo parcial xa son máis do 60%”. Unha tendencia a apostar por esta modalidade de contratación “como unha nova forma de explotación laboral”, que se vén sumar á parcialidade que “xa forma parte estrutural do novo modelo de mercado laboral español”.

Por iso o secretario confederal de Emprego da CIG reitera a exixencia da central sindical de derrogar as reformas laborais, como único mecanismo que frear a precariedade e o, cada vez maior, empobrecemento da clase traballadora. Isto xunto unha aposta decidida desde a Xunta de Galiza polos nosos sectores produtivos, nomeadamente pola nosa Industria, para favorecer o medre da nosa economía a creación de emprego digno e con dereitos.