Desconvocada a folga indefinida na limpeza de Lugo ao asinarse acordo para o convenio colectivo

ASPEL trasladou unha proposta “in extremis”, aceptada por decisión maioritaria do persoal
Lugo - 17 Abr 2017


Ás portas de iniciarse a folga indefinida no sector da limpeza de Lugo, a patronal estatal que agrupa ás grandes empresas (ASPEL) trasladaba esta mañá unha proposta á representación sindical para a sinatura do convenio colectivo e evitar así o paro provincial. A proposta presentada “in extremis” foi aceptada por decisión maioritaria do sector, polo que a folga finalmente fica desconvocada.

O acordo foi asinado esta mesta tarde pola patronal e as centrais sindicais, logo de consultar durante toda a mañá o parecer coas traballadoras e traballadores do sector, que maioritariamente aceptou a oferta.
 
A proposta, á que tamén se adhire á patronal provincial, supón un convenio a catro anos (2015-2018) cun incremento salarial para 2016 do 0,5% (atrasos dos meses de outubro, novembro e decembro); do 1,25% para 2017; e do 1,75% para o ano 2018.
 
Con respecto á proposta do mediador (que ASPEL rexeitou), a patronal estatal asume a suba salarial do 0,5% no ano 2016, mais cunha diferenza no número de meses dos atrasos. Porén, a cambio desta rebaixa de tres meses a patronal aceptou estabelecer no convenio a ultraactividade indefinida, mentres que durante a negociación sempre quixeron limitar a vixencia a un período de 3-4 anos.
 
Dende CIG-Servizos quixeron subliñar a unión e a forza das traballadoras e traballadores do sector da limpeza, xa que grazas á firme vontade de dar inicio á folga indefinida se conseguiu que a patronal avanzara nas súas posicións logo de meses de bloqueo e se puidera asinar un acordo para o convenio.