Desconvocada a folga no comercio de alimentación de Lugo tras UGT asinar un convenio ás agochadas do persoal

A CIG rexeita esta nova traizón cando o sector estaba mobilizado e disposto a pelexar por unha mellora real das súas condicións salariais e laborais
Lugo - 09 Out 2026

A CIG anuncia a desconvocatoria da folga e a manifestación prevista para mañá, sábado 10 de outubro, no comercio de alimentación da provincia de Lugo despois de ter coñecemento esta mesma mañá do preacordo acadado pola patronal e a UGT, de costas ás traballadoras e traballadores do sector e fóra da comisión negociadora do convenio.

O asinamento do convenio, tras apenas a segunda reunión de negociación, coa folga xa convocada e co sector mobilizado, supón para a CIG unha oportunidade perdida para conseguir un convenio substancialmente mellor. 

Unha vez máis, a UGT antepón os intereses empresariais á mellora das condicións laborais e salariais do persoal e, no canto de sumarse a unha mobilización que se prevía exitosa e que podería supor un punto de inflexión nas negociacións, decide avalar un acordo que segue deixando os salarios de Lugo á cola do país e afondando na desigualdade coas condicións que xa ten recoñecidas o persoal da Coruña, Pontevedra ou Ourense.

Neste senso, a CIG ten claro que a propia convocatoria da folga e a mobilización foi o que obrigou a patronal a mover as súas posturas e a incrementar as súas propostas salarial e social, que malia todo continúan a ser melloras insuficientes. Cómpre ter en conta que o convenio de Lugo é un dos peores convenios so sector, polo que non abonda con dicir que os salarios subirán un 16% até o ano 2029.

Maior distancia cos salarios doutras provinciais

“Hai que cuestionar canto nos achegamos ás outras provinciais, porque o que realmente ocorre é que aínda nos distanciamos máis do nivel retributivo da Coruña e Pontevedra”, advirte o secretario comarcal da CIG-Servizos de Lugo-A Mariña, Xosé Paz. Critica que, ademais, este acordo non incorpora unha verdadeira garantía de recuperación do poder adquisitivo ligada ao IPC, nun momento no que a carestía está disparada.

No relativo a outras demandas, a redución da xornada máxima anual limítase a 13 horas en catro anos; os fins de semana de calidade pasarán a ser tres no ano 2027 e catro en 2028 e 2029 pero sen redución da xornada anual; ao igual que acontece coas vacacións, que aumentan un día pero sen rebaixa da xornada. O único esforzo real que fixo a patronal para recoller as reivindicacións do persoal foi aceptar o abono do complemento de IT dende o primeiro día da baixa -que, por outro lado, é un dereito que xa teñen no resto de provinciais-.

“Un día máis de vacacións, unha hora menos de traballo os días 24 e 31 de decembro, determinados permisos ou a actualización do quilometraxe no mínimo que marca a lexislación son avances positivos, pero non compensan a falta dunha recuperación salarial suficiente nin unha redución moito máis ambiciosa da xornada”, asevera Paz.

Defende que o obxectivo desta negociación non debería ser simplemente mellorar o convenio anterior, “senón avanzar na converxencia real das condicións co resto de Galiza. E para iso había que aproveitar a oportunidade que ofrecía a mobilización”.

Por iso, adianta que, a desconvocatoria da folga “non supón ningún paso atrás na loita pola mellora das condicións de traballo. Desde a CIG imos continuar no día a día e empresa a empresa traballando para conquistar os dereitos dos que UGT e a patronal decidiron privarnos ao asinar este convenio en contra do sentir maioritario dos traballadores e traballadoras do sector”.