Desmantelamento da sanidade: colapso nas Urxencias do HUAC e falta de medidas para corrixir as situacións de violencia no Psiquiátrico de Conxo

A Coruña/Compostela - 20 Dec 2022

A CIG-Saúde denuncia que o colapso nas Urxencia do Hospital da Coruña segue sen solucionarse e a primeira hora da mañá deste mércores máis de 60 doentes atopábanse amoreados nos corredores, pendentes de cama no servizo. A atención nos corredores, reiteran, vulnera "todos os dereitos á intimidade e dignidade do/a paciente".

Doutra banda, a federación de Saúde alerta que a Xerencia da área sanitaria de Santiago-Barbanza, malia os requirimentos da Inspección de Traballo, segue sen adoptar as medidas necesarias para corrixir o gran número de situacións de violencias rexistradas no Hospital Psiquiátrico de Conxo.

Cuartos dobres convertidos en triples no Hospital da Coruña

Sobre o colapso no HUAC, a CIG-Saúde salienta que non se pode desligar da situación "deplorábel" que se rexistra no resto do hospital, xa que se están a meter tres doentes en cuartos deseñados para dúas camas. "As plantas de hospitalización deseñadas para atender 2 doentes por habitación, convértense en habitacións triplas, onde as e os profesionais apenas poden traballar con seguridade e onde doentes e familiares se amorean nun espazo reducido", alerta a secretaria da CIG-Saúde da Coruña, María Formoso.

Este exceso de aforo nas unidades de hospitalización vai acompañado da falta de recursos humanos "debido a unha falta de previsión por parte da Administración, que ademais de non poñer reforzos nas categorías nas que hai persoal dispoñíbel para a súa contratación, non emprega os recursos que posúe en tempo axeitado e vese abocada agora a reconducir a situación cando esta troca en crítica".

Persoal esgotado e desbordado

A falta de planificación repercute directamente nas/os profesionais que realizan as tarefas nas unidades: enfermeiras/os esgotadas/os traballando arreo son solicitadas/os pola Administración para que colaboren facendo horas a maiores en plantas onde o número de doentes supera as ratios de seguridade. E TCAE e celadoras/es destas unidades de hospitalización -que contan con listaxes de contratación suficientes- tampouco son reforzadas de acordo ao aumento na demanda.

"O mesmo acontece con todos os e as profesionais de todas as categorías do complexo que se ven desbordados polo incremento de traballo e fan fronte á situación co mesmo persoal sendo os reforzos na maioría dos casos inexistentes", critica Formoso.

Rexeita a "política de aforro desta Administración e da Consellería na que as persoas usuarias padecen esta situación insostíbel e de risco continuo que non fai outra cousa que confirmar a desidia na dotación de recursos na sanidade pública que as e os profesionais xa estamos afeitos a sufrir, e que provoca o colapso total no CHUAC".

A Xerencia de Santiago segue sen aplicar as medidas necesarias no Hospital de Conxo

Hai xa máis de un que a CIG-Saúde denunciou perante a Inspección de Traballo o gran número de situacións de violencias rexistradas no Hospital Psiquiátrico de Conxo, mais a Xerencia segue sen asumir a súa responsabilidade de protección as traballadoras e sen garantir unha asistencia de calidade as usuarias.

No mes de outubro a Inspección de Traballo fixo unha proposta de requirimento á Xerencia para que adopte medidas médicas e organizativas, xunto co acondicionamento necesario e a creación dun plan funcional, mais en vez de corrixir as eivas, a Xerencia "trata de invisibilizar as deficiencias e non presenta un  proxecto real no que definan cambios substanciais tanto a nivel estrutural, como organizativo e médico".

Neste senso, CIG-Saúde de Santiago e Barbanza denuncia a xerente, Eloíña Ñúñez, segue instalada na súa política de anuncios e propaganda, que non se traduce en medidas reais. Como exemplo, expoñen o investimento anunciado de medio millón de euros dentro dun Plan de Saúde Mental da área sanitaria "que se esqueceron de deseñar, e que ninguén sabe onde foron invertidos os cartos".

Mentres, agrávase o deterioro das instalacións, a falta de persoal e de espazos acondicionados,  e as agresións que ao persoal, chegando a producirse tres agresións físicas -unha delas valorada como grave-  en menos de 1 mes na mesma unidade, debido á infradotación de persoal para dar os coidados necesarios.

Non hai proxecto de cambio real a nivel estrutural, organizativo e médico

"Pero a Xerencia segue sen planificar, non ofrece un proxecto real que defina un cambio substancial nas unidades tanto a nivel estrutural como organizativo e médico. Non lle avalía a xefatura o xefe de servizo, permitindo que leve anos nunha situación irregular, non crea un plan de garantía de calidade e plan funcional para o Hospital Psiquiátrico que defina recursos materiais necesarios e dotación de recursos humanos coa creación dun plan de necesidades de persoal", denuncia a CIG-Saúde.

A día de hoxe as salas non contan con persoal suficiente e de todas as categorías, non se estabilizan prazas, chegando a extremos de quedar quendas con dúas TCAE para 20 pacientes que precisan especial coidado. E non se fai un plan de formación especifico e axeitado ao que poida acceder todo o persoal -sexa fixo ou contratado-, centrado no coidado das usuarias/os e que desnaturalice a contención mecánica.

Non se crean equipos multidisciplinares formados por todo o persoal das diferentes categorías das unidades, para poder traballar nun coidado integral das/os usuarias/os. Nin protocolos internos que favorezan a planificación e organización do traballo diario, como protocolo de traslados e acompañamento de pacientes, guía de acollida do persoal de nova incorporación, protocolos asistenciais, ...

A Xerencia tampouco ten en conta a opinión e as achegas que poidan ter as traballadoras por medio de reunións formais para a mellora das deficiencias.

Xunto a isto, non modifica o sistema de desbotamento de roupa sucia que se fai a través dun oco común entre as plantas, provocando risco de caída a distinto nivel de ata catro metros;non proporciona a uniformidade o persoal dende fai máis de dous anos; e nin sequera obriga a empresa concesionaria do servizo de limpeza a cumprir co prego de condicións, vulnerando así a hixiene básica, como por exemplo non limpándose os cuartos de baño de zonas comúns nas quendas de tarde.