"É unha vergoña que a UdC consinta na precarización laboral do persoal das súas subcontratas"

Concentración polo despedimento das traballadoras dos servizos auxiliares da Universidade da Coruña
Ferrol - 25 Mar 2019

A CIG-Servizos realizou este luns unha concentración na porta do Campus de Esteiro-Ferrol en defensa dos postos de traballo das auxiliares de servizo da universidade, á quen a nova concesionaria, Pregecsa, non subrogou. Así mesmo, coa protesta quérese denunciar a pasividade da Universidade fronte á precarización laboral que pretende aplicar a nova empresa.

A Universidade da Coruña conta con sete traballadoras/as en servizos auxiliares no campus de Ferrol e con 10 no da Coruña, mais a nova empresa adxudicataria, Pregecsa, non se quixo facer cargo deste persoal, que está na rúa dende o 1 de marzo.  O secretario confederal de Emprego da CIG, Francisco Cartelle, denuncia a "falta de responsabilidade social e de sensibilidade" da UdC "que mira para outro lado e consinte en precarizar as condicións laborais" do persoal das súas subcontratas.  

Cartelle sinala que moitas destas traballadoras e traballadores levan preto dunha década prestando este servizo para a Universidade e foron pasando dunha compañía a outra. Porén, Pregecsa (do mesmo grupo que a empresa adxudicataria do servizo de vixilancia) non respectou o mantemento dos postos de traballo e "no seu lugar contratou a persoal con discapacidade (para acceder así á bonificación na contratación por este motivo) e a persoal con contratos de formación para pagar salarios máis baixos".

Esta precarización intolerábel vese agravada polo feito de que o persoal que prestaba servizos coa anterior concesionaria -ASTRA- cobraba o Salario Mínimo Interprofesional, de modo que Pregecsa pretende pagar aínda menos "É dicir, colle o servizo unha empresa que demostra desde o primeiro día que é unha empresa explotadora e que leva a precariedade por bandeira", advirte.

Esta situación foi posta en coñecemento da Universidade que até o momento non adoptou ningún tipo de medida. Para a CIG este desleixo resulta "impropio dunha entidade pública que ten implementada a Responsabilidade Social Universitaria". "É vergoñento que unha universidade non só non sexa referente dunha responsabilidade social na vixilancia de que as persoas que presten servizos para ela o fagan nunhas condicións dignas, senón que remate sendo un exemplo de todo o contrario: da precarización das condicións de traballo no noso país como se dunha empresa pirata se tratase".

Cartelle explicou que os despedimentos están recorridos pola vía xudicial e adiantou que a CIG  continuará coas mobilizacións até que se reverta esta situación e se recoñezan os dereitos das traballadoras e traballadores que prestaban este servizo.