"En Inditex queremos traballar e tamén conciliar"

Concentración en Compostela coincidindo co xuízo contra Breshka por denegar a concreción horaria
Santiago - 23 Xan 2018

As portas dos xulgados de Compostela acollían esta mañá unha concentración para visibilizar os impedimentos que as traballadoras de Inditex, nomeadamente da firma Bershka, atopan para poder conciliar a vida laboral e familiar. A protesta coincidía co xuízo pola demanda presentada por unha traballadora A quen a dirección da empresa lle denegou a concreción horaria que solicitou para poder coidar da súa crianza. Finalmente, o xuízo foi suspendido ao chegarse a un acordo con Bershka tras unha "longa, dura e tensa negociación".

"Isto confirma que, de existir vontade por parte da dirección, esta situación teríase arranxado antes, sen necesidade de que a traballadora tivera que demandar para poder exercer os seus dereitos e sen ter que colapsar os xulgados con cuestións que deberían poder resolverse no centro de traballo se existiran unhas relacións laborais normalizadas". Así se explicaba Carmiña Naveiro, da CIG-Servizos de Compostela, logo do acordo logrado que permite a traballadora ter a concreción horaria solicitada.

Para a sindicalista o sucedido hoxe "é representativo do carácter autoritario e arcaico da dirección da empresa" e cualificaba de "frustrante, que haxa que chegar até estes extremos cando as opcións que se barallaron hoxe xa llas propuxeramos con anterioridade".   

A maioría do persoal, con contrato a tempo parcial

Dende CIG-Servizos de Compostela critican que, de cara a galería, o Grupo Inditex véndese como unha empresa modelo en materia de conciliación, pero a realidade é que "para poder conciliar hai que demandar". Carmiña Naveiro cualificou de "vergoñento" que nunha empresa como Bershka (a segunda en facturación no grupo despois de Zara), na que o 90% do persoal de tendas son mulleres con contrato a tempo parcial "a política por sistema sexa negar o dereito a conciliar; iso si, a empresa concede a quen lle dá a gana a concreción horaria, de maneira totalmente arbitraria e sen seguir ningún criterio legal", censura.

A este respecto, lembrou que cando unha traballadora pide unha redución de xornada por coidado de menores e que se concrete o seu horario para poder conciliar a vida laboral e familiar, o seu salario vese reducido na contía correspondente "e aínda por enriba Bershka quere decidir por nós en que horario temos que conciliar".

Ausencia de relacións laborais normalizadas

Neste senso, Naveiro subliñou as dificultades coas que a representación do persoal se atopa para negociar coa dirección, lamentando que, logo do conflito desenvolvido polas compañeiras de Bershka de Pontevedra para acadar a equiparación das condicións laborais e salariais, "no departamento de recursos humanos da Coruña continúan coa mesma actitude autoritaria". Por iso adiantou que a conflitividade na empresa seguirá, "mentres as relacións laborais non estean normalizadas".