Éxito rotundo da xornada de folga das traballadoras das escolas infantís por un convenio digno

CIG-Ensino seguirá esixindo negociacións de ámbito galego, para que teñan maiores posibilidades de mellorar as condicións salariais e laborais
Nacional - 29 Xun 2023

Malia os servizos mínimos abusivos e as ameazas das empresas, máis do 80%, das arredor de 2.000 traballadoras das 200 escolas infantís que, ou ben son de carácter privado, ou de xestión indirecta -isto é, concesións públicas a empresas privadas- secundaron hoxe a xornada de folga de 24 horas, ante o inmobilismo e o desprezo da patronal, despois de levar máis dun ano negociando o XIII convenio que rexe este sector. Un dos máis precarizados de todos.

Nestes momentos, e malia a enorme responsabilidade e transcendencia social que ten o traballo deste persoal, a maior parte das traballadoras non acada o SMI no seu salario e leva acumulada unha perda de poder adquisitivo nestes anos que, precisamente, non pode ser recuperada pola paralización destas negociacións.

Tal e como se recolle no manifesto conxunto que leron as representantes das traballadoras as táboas salariais vixentes actualmente son do ano 2021 e as patronais negan a necesidade de incrementar o diferencial salarial para as educadoras infantís e opóñense a aprobar unhas novas táboas salariais equilibradas, dignas e xustas para todo o sector.

No caso concreto das que prestan servizos en centros de xestión indirecta -maioritariamente en escolas municipais- esta situación causoulles un gran prexuízo ao impedirlles asinar e beneficiarse dunhas táboas salariais vinculadas aos pregos de condicións dos últimos concursos públicos. “Exiximos, con urxencia, un cambio de rumbo que garanta o futuro do sector e valore o labor socioeducativo que realizamos e que se nos recoñezan os dereitos laborais e sociais que nos negan sistematicamente, sobre todo no ámbito dos permisos e da conciliación”, insistiron no manifesto.

Ao rematar a manifestación alertaron de que se na semana que vén non hai ningún avance na mesa negociadora que está programada, continuarán con máis forza as xornadas de mobilizacións e de folga. Neste sentido, a CIG-Ensino seguirá a esixir un convenio de ámbito galego como única solución para poder negociar condicións dignas de traballo, tal e como se pode comprobar estes días polas mobilizacións e acordos acadados noutros sectores, dado que a maior proximidade (a nivel provincial e galego) é o que permite unha maior presión.