Éxito total da folga de H&M nas catro provincias, onde pecharon todos os establecementos

A CIG reclama a recolocación de todas as traballadoras e senón, 45 días por 42 mensualidades
Nacional - 08 Mai 2021

A CIG-Servizos salienta o éxito total da folga convocada en H&M, onde pecharon todos os establecementos nas catro provincias, A secretaria nacional, Transi Fernández, reclama a recolocación de todas as traballadoras e senón, que se lles paguen 45 días por 42 mensualidades. Ademais demanda que, se abre algunha tenda nas cidades onde foron despedidas, sexan as primeiras en entrar.

 

O persoal de H&M foi esta xornada á folga para rexeitar o ERE presentado pola transacional sueca do sector téxtil. No caso galego, unicamente dúas das oito tendas (Pontevedra e Santiago) quedarán, polo momento, libres das consecuencias do ERE.

En tres establecementos haberá despedimentos e modificacións das condicións de traballo (Lugo, Vigo-Gran Vía e Coruña-Marineda), mentres que outros tres pecharán definitivamente (Vigo-Príncipe, Ferrol e Ourense-Paseo).

“Se a todo isto lle sumamos que os sindicatos CCOO e UGT, fieis aliados da empresa, impediron, en base á lexislación do PP que segue vixente para os ERE, a participación dos sindicatos que a nivel estatal non acadamos a representación necesaria, encontrámonos que unha parte moi significativa das traballadoras/es de H&M non vai ter nin voz nin voto na mesa de negociación no período de consultas”, critica.

Por estas razóns, as empregadas/os de H&M, xunto coa CIG, acordaron a convocatoria destas xornadas de folga. Unha medida de presión coa que as traballadoras queren reclamar que o ERE se negocie por territorios e non a nivel estatal, así como a retirada dos despedimentos nos centros de traballo que nin tan sequera teñen perdas. “Non podemos consentir que multinacionais que teñen ganancias multimillonarias, e que seguiron gañando nos peores tempos do confinamento, xoguen de maneira tan inxusta e cruel coas nosas vidas e cos nosos salarios”.