• Nova

Ferrovial volve adxudícarse a limpeza do CHUF cunha oferta que imposibilita cumprir pregos e salarios

A CIG impugna o contrato a esta empresa, que acumula un longo historial de incumprimentos
- 27 Nov 2019

A CIG vén de impugnar a adxudicación do contrato do servizo de limpeza do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol a Ferrovial, unha vez máis, posto que a contía pola que se resolve o concurso imposibilita facer fronte ás obrigas económicas co persoal, "causándolle un prexuízo aos dereitos laborais e sociais do persoal traballador", e cumprir calquera das melloras técnicas ofertadas pola compañía, polas que foi a máis puntuada e resultou adxudicataria do servizo.

Dada a traxectoria de incumprimentos e recortes de Ferrovial e a contía económica pola que se adxudica o contrato, pódese deducir que a empresa non vai cumprir cos pregos"

O recurso especial en materia de contratación presentado pola CIG (que ostenta a maioría do comité) xa foi admitido a trámite polo Tribunal Administrativo de Contratación Pública da Comunidade Autónoma de  Galiza. Marcos del Río, presidente do comité, advertía esta mañá en rolda de prensa que, "dada a traxectoria de incumprimentos e recortes de Ferrovial e a contía económica pola que se adxudica o contrato, resulta obvio deducir que a empresa non vai cumprir coas condicións dos pregos. É imposíbel, os números non dan".

Del Río explicou polo miúdo os puntos nos que se basea o recurso, a comezar polos propios gastos de persoal. A contía establecida nos pregos fai un montante de 10.943.838,71€ a repartir en tres anos, e a oferta presentada por Ferrovial (cantidade pola que resulta adxudicataria) suma 11.033.478,04€, é dicir tan só 90.000 euros por enriba dos gastos de persoal. Con esta cantidade a empresa tería que asumir tamén os gastos de material, estimados en 700.000 euros. "Non hai que estudar matemáticas para darse conta de que con esta diferenza, ou ben a empresa non vai comprar material ou ben non vai contratar o persoal que esixen os pregos".

Unha oferta temeraria

Pero ademais, na súa oferta, Ferrovial propón 130 horas de formación por traballadora a maiores do esixido, o que sumaría 160 horas de formación por traballadora/ano e suporía un 10% da xornada anual por cada unha das traballadoras. Nunha conta sinxela isto dá un total de 17.960 horas/ano, "o que equivalería  á xornada anual de 11 traballadoras".

Del Río destacou que o resto de empresas que prestaron ofertas de acordo ao prezo proposto polo SERGAS, fixeron unha achega media de 15 horas máis de formación, cando Ferrovial fíxoo de 130. "A experiencia permítenos afirmar que Ferrovial non vai facer a formación pola que foi puntuada. A día de hoxe, aínda nos debe miles de horas de formación da última adxudicación", aseverou.

O presidente do comité sinalou que, incluso no caso de que Ferrovial se propuxera realizar a formación, "tampouco dan os números". Se estas 130 horas non implican unha mingua nas horas de prestación do servizo,  sería necesario engadir máis de un millón de euros nos gastos de persoal, converténdoos así en máis de 12 millóns de euros. E no caso de que realizar a formación non supuxera unha merma nas horas de prestación do servizo, Ferrovial estaría incumprindo co número de horas mínimas de presenza física esixidas no prego (185.000), o que conlevaría unha maior carga de traballo sobre o persoal que preste servizo.

A todo isto, hai que engadirlle que os metros cadrados extra sen cargo a limpar ofertados por Ferrovial (polos cales levou a mellor puntuación), elévase até os 250.000m2, cando a media das outras empresas está nos 80.000-90.000m2. "Este será tamén outro punto que non vai facer Ferrovial, que leva moitos anos incumprindo as achegas técnicas". E por non se fora abondo, Ferrovial tamén engadiu o 50% de frecuencias (o máximo posíbel). "É dicir, onde outra empresa ofertou limpar dúas veces ao día o mesmo sitio, Ferrovial ofreceu facelo tres veces".

Diante desta acumulación de despropósitos, Marcos del Río insistiu na imposibilidade de que, coa dotación económica do contrato adxudicado, se respecten os dereitos salariais e laborais do persoal e se cumpran as condicións. "Polo que dende a CIG nos vemos na obriga de impugnar a adxudicación".

Servizos Xerais da EOXI consinte nos incumprimentos

O presidente do comité criticou que Servizos Xerais da EOXI, o órgano que debería velar polo cumprimento das condicións dos pregos, "lle consinte a Ferrovial estes incumprimentos e moitos máis, de maneira sistemática. Por iso a empresa se permite o luxo de facer este tipo de ofertas frívolas para volver gañar o contrato". Valorou como inxusto que a esta empresa (que leva 16 anos prestando a limpeza do CHUF) se lle dea a máxima puntuación por ofertas ficticias "e a outras empresas se lles penalice á hora de puntuar, precisamente por presentar ofertas en coherencia cos pregos de condicións".

A este respecto, lembrou que a CIG leva anos mobilizándose contra os ataques da empresa  e defendeu a necesidade de que haxa unha xestión directa destes servizos externalizados, porque está demostradísimo que a xestión privada só serve para encarecer os custos, empeorar o servizo e precarizar as condicións salariais e laborais.

A CIG defende a necesidade de que haxa unha xestión directa destes servizos externalizados

Sobre a función supervisora de Servizos Xerais indicou que funciona de maneira autónoma e ten capacidade para modificar os pregos, "como así o fixo en ocasións". Denunciou que este departamento dá sempre a Ferrovial a máxima puntuación nos aportes técnicos, mentres consinte que incumpra as condicións sen ningunha consecuencia e mesmo "fixo modificacións nos pregos que lle viñeron como anel ao dedo á empresa para poder despedir, precarizar condicións, etc".

Como exemplo de até onde chega este entendemento, lembrou que Servizos Xerais modificou no seu momento o Plan de Xestións Intracentro de residuos para ampliar de xeito incoherente a permanencia de residuos dentro do hospital, "co obxectivo de tirar abaixo unha acta da Inspección de Traballo e así eximir a Ferrovial de ter a responsabilidade de facer ese traballo". Criticou tamén que desde Servizos Xerais non se tivo en consideración un escrito rexistrado por diferentes supervisores de unidades solicitando unha maior estabilidade das traballadoras/es da limpeza, coa finalidade de mellorar o servizo.

Longo historial de ataques da empresa ao seu persoal

Del Río denunciou o longo historial de ataques da empresa que castiga as traballadoras que enferman movéndoas para os sitios máis penosos; fai diferenzas de xénero e reparte EPIs completos aos homes mentres que as mulleres teñen que compartir prendas; non cobre as xubilacións nin as baixas; incumpre coa formación ofertada (no contrato anterior, de 103 horas impartiu 10); co número de presenzas en domingos e festivos; e foi a única contrata do SERGAS que aplicou ao seu persoal os recortes ás empregadas e empregados públicos, retirando as pagas extras.

No relativo aos centros hospitalarios, alertou que no Hospital Naval lle esixe a algunhas traballadoras limpar 18 habitacións en tres horas e media, e ás de quirófano que quiten cada unha o residuo ao exterior e despois, co mesmo calzado, volver entrar no quirófano, cando no resto dos hospitais hai unha persoa que se encarga de retirar o lixo para evitar contaminacións.

No Arquitecto Marcide (que ten 35.000m2 de superficie de limpeza e 3.000m2 de alto risco), ten a unha soa traballadora na quenda de noite. "E claro se queda algo mal limpo, a culpa é da traballadora, non da empresa multimillonaria que en vez de contratar outra persoa para reforzar o servizo, decide contratar un axudante para o xestor.

Del Río criticou que Ferrovial tamén fomenta a desigualdade entre o persoal (a un obrígalle a desprazarse a pé entre centros e a outro ponlle coche de empresa); e practica un "enchufismo" intolerábel, pois mentres "hai compañeiras que levan máis de 20 anos con contratos eventuais faille contratos estábeis a xente sen ningunha experiencia".